O presidente do Partido Popular, Pablo Casado, pasou unha tarde de compras por Pontevedra acompañado do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
O líder galego chegou con 20 minutos de atraso á cita, un tempo que Pablo Casado ocupou tomando un café no "Tío Gilito" en compañía do candidato do PP á Alcaldía, Rafael Domínguez; o presidente provincial, Alfonso Rueda, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado e Diego Calvo, presidente dos populares da Coruña, a única cidade galega que non visitou Casado.
Durante o paseo foron numerosos os cidadáns que quixeron facerse unha foto con Pablo Casado, algúns deles eran despistados que saían ao seu paso gritando "es Pedro Sánchez". As persoas de máis idade atrevéronse a trasladarlle algunhas peticións como "máis axudas para os nenos con autismo" ou que retire o nomeamento de "persoa non grata" ao expresidente Mariano Rajoy por parte do Concello de Pontevedra.
Tamén houbo algún que lle desexou "que triunfe tanto como Feijóo" ou quen lle lembrou "no se olvide que yo soy de Franco".
Ao longo deste paseo Pablo Casado entrou na confeitería Solla a comprar unha torta e nunha das varias tendas de roupa infantil que visitaron adquiriron unha sudadera como agasallo para o fillo de Feijóo que mañá cumprirá dous anos. Pagárona Rafa Domínguez e o seu número dous Pepa Pardo.
O presidente galego ensinou fotos do seu fillo no teléfono móbil para comprobar a talla e "lo grande que está". E aínda que entraron nunha xoiería e todos pensaron que caería algunha compra polo Día dos Namorados, a dependenta unicamente quedou cos dous bicos do líder do PP.
Ao finalizar o paseo Casado comentou que a Boa Vila gustoulle "muchísimo" e mostrouse sorprendido que ao candidato do PP en Pontevedra "le conoce todo el mundo" polo que concluíu que "tenemos alcalde seguro".