A plataforma de afectados polas preferentes de Marín e Pontevedra entregou hoxe na Subdelegación do Goberno dúas cartas dirixidas aos presidentes do Goberno, Mariano Rajoy, e a Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
"Queremos recordarlle que seguimos aquí, que en decembro lle enviamos outra carta e que aínda non temos unha resposta", explicou a voceira destas plataformas, Rosana Prado, e respecto ao presidente galego "que foi moi agradable connosco antes das eleccións agora parece que esqueceu deste problema e miles de persoas seguen sen solución aos seus casos".
Como todos os xoves tamén levaron a cabo as súas habituais concentracións e manifestacións en Pontevedra.
Comezaron ás dez da mañá en Benito Corbal para posteriormente dirixirse ás centrais de Caixanova e Caixa Galicia, para logo partir en manifestación cara á Subdelegación de Goberno e terminar na Deputación.
A coincidencia co Entroido serviu como escusa para que os afectados protestasen disfrazados de presos "con cadeas, esposas e demais porque seguimos presos sen solucións e sen o noso diñeiro", tamén lles acompañaban os banqueiros e políticos de quenda "que eles si deberían estar presos por todo o que causaron e están de rositas, a paradoxa é que nós que somos os inocentes e as vítimas de todo isto estamos presos sen solución ", explicaban os voceiros.
Este sábado a plataforma estará no enterro de loro Ravachol, agradecendo a súa homenaxe a todos os estafados de NGB.