Carrís máis anchos e menos curvas na PO-230, entre Praderrei e Parada

Cerdedo-Cotobade
14 de maio 2024

Este tramo, duns cinco quilómetros, pasará a ter un ancho de preto de sete metros, con carrís de tres metros e unha beiravía de medio metro. Ademais contará cunha beiravía de seguridade transitable nun dos lados, segundo recolle a primeira versión do proxecto de obra

Presentación da reforma da PO-230 aos alcaldes de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade
Presentación da reforma da PO-230 aos alcaldes de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade

A estrada PO-230, que une os lugares de Praderrei e Parada en Campo Lameiro e pasa pola zona dos Fentáns en Cerdedo-Cotobade, será obxecto dunha profunda remodelación. O proxecto está pensando para ensanchar o seu trazado e mellorar a súa seguridade viaria.

Este tramo, duns cinco quilómetros, pasará a ter un ancho de preto de sete metros, con carrís de tres metros e unha beiravía de medio metro. Ademais contará cunha beiravía de seguridade transitable nun dos lados, segundo recolle a primeira versión do proxecto de obra.

Por outra banda, espérase aproveitar as obras para rectificar varias curvas, co obxectivo de que todas elas pasen a ter un radio mínimo de 50 metros.

A falta de coñecer o proxecto definitivo, espérase que o custo desta actuación supere os dous millóns de euros.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, avanzou os detalles deste proxecto aos alcaldes de Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro, Jorge Cubela e Carlos Costa.

Nesta xuntanza a tres bandas, os alcaldes aproveitaron para comentar algunhas suxestións e necesidades propias de cada localidade, que serán estudadas polos técnicos responsables.