As precipitacións volveron facer acto de presenza na tarde deste martes 31 de outubro nas Rías Baixas e, por este motivo, o Concello de Pontevedra decidía desprazar todas as actividades, tanto infantís como de adultos, recollidas na programación especial da 'Noite dos Calacús' con motivo do Samaín á praza de Curros Enríquez.
A previsión incremento de choiva e vento coa chegada da noite provocou tamén que se instalase unha carpa na mesma praza do centro histórico.
O programa tivo que ser modificado co adianto de dous dos tres pasacalles previstos: o de Pablo Méndez Performance titulado 'O Día dos Mortos' estableceuse para as 21.30 horas, mentres que o de 'Dragóns', de Hípica Celta, adiantábase ás 22.15 horas.
A programación iniciábase ás 17.30 horas cun taller de creación de Calacús con maquillaxe e tatuaxes, que continuaba con historias terroríficas para escolares, con Cris de Caldas e Bea Campos.
Gramola Gominola poñía a música antes de iniciarse a sesión para adultos con novas historias de Bea Campos, Celso Sanmartín e Quico Cadaval.
Todas as iniciativas desta xornada especial chea de diversión, bruxas e seres doutras dimensións foron programadas polo Concello coa colaboración do Centro Comercial Urbano Zona Monumental.