Unha muller investigadora "que lle quere a esta cidade". Así é, segundo destacou o alcalde de Pontevedra, a pregoeira das Festas da Peregrina 2022. Será Carmen Salinero, actual directora da Estación Fitopatolóxica de Areeiro e presidenta da Sociedade Española da Camelia.
"É unha persoa moi coñecida e recoñecida que traballa poñendo en valor o noso patrimonio", subliñou Miguel Anxo Fernández Lores que, tras agradecer a Salinero que aceptase esta invitación, aventurou que o seu será un pregón "diferente".
Coa súa elección, segundo Fernández Lores, Pontevedra quere ademais poñer en valor á muller investigadora confiando que "sirva de inspiracións para os cidadáns" e demostrar a "potencia" que ten a cidade neste ámbito científico.
Tras confirmarse a súa elección como pregoeira, Carmen Salinero asegurou que "aínda non o creo" porque "xamais pensei que sería pregoeira" da cidade na que reside desde hai 42 anos. "É unha honra que formará parte do meu currículo", asegurou.
No seu pregón, do que recoñece que xa fixo un esquema, quere visibilizar que a muller "ten moito que dicir" no campo da investigación ou que no ámbito da agricultura, na que se centra a súa experiencia, "temos moito que facer" para ser máis sostibles.
"Non se trata só de plantar, senón de saber como plantar e producir máis sen danar o que temos que deixar aos nosos fillos", apuntou Salinero.
Ademais, un terceiro eixo da súa intervención será a necesidade de "coidar a investigación" e que os mozos que completan os seus estudos en Galicia "non collan a maleta e marchen" por falta de oportunidades, xa que "despois volver é moi difícil".
No seu caso, sinalou a directora de Areeiro, "tiven claro desde pequena que quería dedicarme á investigación" porque o de dar clase non era o seu. Empezou traballando no mar, a través do Instituto Oceanográfico, pero pronto optou pola agricultura e pasou ao campo.
Fíxoo en Pontevedra, unha cidade na que, segundo lembrou, hai tres centros de investigación relacionados coa agricultura e o medio ambiente, aos que se engaden os grupos de investigación vinculados coa universidade.
"Poucas cidades poden dicir isto e temos que poñelo en valor", sentenciou.
O pregón de Carmen Salinero, que suporá o inicio das Festas da Peregrina, será o sábado 13 de agosto, a partir das 12:00 horas, na Praza da Pedreira.