Haberá cambio nas filas socialistas de Pontevedra. Paloma Castro renunciará á súa acta como concelleira do PSdeG-PSOE no próximo pleno da corporación municipal, que se celebrará o vindeiro luns 22 de abril. Faino tras tomar posesión como deputada autonómica.
A súa substituta xa está definida. Será a profesora Carmen Hermo, que concorrera ás pasadas eleccións municipais como número 6 da candidatura socialista.
A docente, que tivo un papel moi activo na campaña do PSdeG-PSOE, incorporarase en breve ao equipo que lidera Iván Puentes, xa que a súa incorporación como edil se efectivizará no pleno municipal correspondente ao mes de maio.
Hermo, que ten 56 anos, é artista e doutora en Belas Artes. É catedrática de debuxo no IES Frei Martín Sarmiento e profesora asociada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Ademais, é membro activo do Ateneo de Pontevedra.
Con esta substitución, segundo Iván Puentes, os socialistas "non perden ningún efectivo senón que gañan un sexto concelleiro", xa que Castro trasladará ao Parlamento os "asuntos, necesidades e preocupacións" dos pontevedreses en "coordinación absoluta" co grupo municipal.
Á súa vez, coa incorporación de Carmen Hermo o partido abrirase a "novos horizontes e novas oportunidades" no mundo da cultura que, segundo Puentes, "é tan importante en Pontevedra" e coa que traballarán, a partir de agora, "dun xeito moito máis estreito".
"PUNTO E SEGUIDO" PARA PALOMA CASTRO
Pola súa banda, Paloma Castro considera que o seu cesamento como edil "é un punto e seguido" porque seguirá vinculada ao grupo municipal socialista, xa desde o Parlamento, "remando na mesma dirección e coordinadamente" para responder os intereses dos pontevedreses.
Asegura que se marcha "tranquila" porque cede o seu lugar a unha compañeira "cun alto nivel de formación e un gran vínculo co mundo cultural", polo que se mostrou convencida de que "fará un bo papel" como concelleira na corporación municipal.