As reaccións á presentación da candidatura de Susana Díaz ás primarias do PSOE non se fixeron esperar en Pontevedra. A presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, asistiu este domingo á presentación oficial no Ifema de Madrid e este luns deu o seu total apoio á presidenta de Andalucía, por ser muller e por ser a única candidata á que lle ve "con capacidade para unir e fortalecer o partido" e lograr que volva ser a primeira forza política de España.
Carmela Silva, a quen este domingo se lle viu sentada xusto detrás de Susana Diaz e do ex presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, anuncia que apoiará á candidata persoalmente e, ademais, vai traballar para conseguir que sexa a primeira muller secretaria xeral.
Respecto diso, insistiu en que "xa é hora de que unha muller sexa secretaria xeral", pois o PSOE é o partido con máis historia de España e en 140 anos de existencia non tivo a unha muller á fronte.
A presidenta da Deputación quixo destacar que Susana Diaz presentou oficialmente a súa candidatura nun acto cun "apoio sen precedentes" no que estaba "o PSOE de onte, o de hoxe e o do futuro" e, sobre todo, cunha notable asistencia de xente nova. "Facía moitísimos anos que non vía tanta xuventude nun acto do PSOE", destacou.
Ademais de destacar a súa condición de feminista, Carmela Silva destaca que Susana Diaz presentou un proxecto "que non quere mirar só para o PSOE", senón que quere un partido "forte, que recupere a credibilidade e a confianza" e un partido gañador que traballará para ser de novo a primeira forza política de España.
Carmela Silva, "como muller, feminista, demócrata, sensata e rigorosa" tamén alertou de que non vai consentir "nin unha soa descualificación" a Susana Díaz polo feito de ser muller. "Que non se lle ocorra a ninguén nin de dentro nin de fóra", advertiu.