O intercambio de cartas entre a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, en relación coa rehabilitación do Pazo de Lourizán, deu un paso máis. Tras dúas semanas de misivas nunha e outra dirección, a máxima responsable provincial meteu a un terceiro actor na cuestión, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, enviándolle unha solicitude para obrigar á Administración autonómica a que cumpra a lei e rehabilite as instalacións.
Carmela Silva anunciou que a solicitude saíu este venres da Deputación e "agora xa non é unha carta, é unha denuncia da situación". Enviouna ao secretario xeral de Cultura porque é a autoridade competente, segundo a Lei de Patrimonio, para tomar as medidas necesarias para que se rehabilite o Pazo, que se está deteriorando, pois trátase dun edificio recoñecido "como patrimonio a protexer".
A solicitude é, en concreto, que o secretario xeral "faga cumprir a lei". "Non se trata de confrontar, se trata de que cada un cumpra coas súas obrigas e sexamos capaces de chegar a acordos desde a lealdade institucional", aclara. Respecto diso lembra que o Partido Popular adoita pedir lealdade a outras institucións e agora "a presidenta da Deputación lle pide lealdade á Xunta de Galicia".
Carmela Silva lembra que o secretario xeral de Cultura é o responsable "de coidar, de manter, de obrigar a que oupatrimonio sexa mantido en boas condicions", por iso lle fai esta solicitude de actuación. No caso de que non tome ningunha medida, tal e como lle obriga a lei, estudarán outras actuacións.
A presidenta provincial asegura que o seu goberno "non vai seguir calado frente ao deterioro dun patrimonio tan importante como é o Pazo de Lourizán".