Carmela Silva recibirá a Alfonso Rueda "con toda a cordialidade, con todo o respecto institucional"

Pontevedra
10 de febreiro 2017

O vindeiro luns 27 de febreiro o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo recibirá en Santiago de Compostela á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva

Alfonso Rueda
Alfonso Rueda / Mónica Patxot

O vindeiro luns 27 de febreiro o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recibirá en Santiago de Compostela á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

A cita compostelá estará precedida polo encontro que manterán este luns 13 no Pazo Provincial, Carmela Silva e o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato.

Neste encontro a Xunta explicará a súa proposta para rehabilitar o emblemático Pazo de Lourizán co financiamento de Ence que convertería o inmoble no seu centro de investigación e desenvolvemento en materia forestal sen que se perda a titularidade pública do edificio.

Este venres en rolda de prensa Carmela Silva indicou que acudirá á entrevista para escoitar a proposta de Alfonso Rueda e Beatriz Mato "desde a lealdade, valorando cales son as posibilidades e cal é o proxecto de futuro" e engadiu que "vou escoitar desde unha posición positiva, como debe ser entre administracións".

"O primeiro é respectar que o vicepresidente da Xunta vén aquí" polo que "vai ser recibido con toda a cordialidade, con todo o respecto institucional", subliñou Carmela Silva.

A presidenta lembrou que desde o ano 1943 o Pazo de Lourizán estivo xestionado "ao cento por cento", primeiro polo Estado e despois pola Xunta en "convenios sucesivos" coa Deputación que é a propietaria do inmoble.

"Con tranquilidade, con serenidade e con rigor", Carmela Silva lembrará este dato xunto a outros detalles do convenio en vigor coa Xunta polo que a Deputación ten cedido o uso desta histórica residencia de Montero Ríos.