Carmela Silva: "Que quede claro á Xunta de Galicia que se acabaron os tempos de control da administración local"

Pontevedra
04 de novembro 2017

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou ter "centos de argumentos" para non comparecer na comisión de Economía parlamentaria a render contas sobre os seus orzamentos

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou ter "centos de argumentos" para non comparecer na comisión de Economía parlamentaria a render contas sobre os seus orzamentos.

"Que quede claro á Xunta de Galicia que se acabaron os tempos de control da administración local", proclamou a presidenta da Deputación de Pontevedra. "Eu dou conta do que aprobo no meu pleno, igual que o señor Feijóo faino no seu", subliñou. "Por tanto igualdade de condicións", engadiu.

Silva, que se queixou dos malos tratos sufridos na comparecencia do 2016, dixo estar "sorprendida" cos representantes do PP no Parlamento xa que "inmediatamente despois de dicir que me van a tratar con respecto insúltanme e descualifícanme", dixo en referencia ás acusacións de "covarde, opaca e pouco transparente", das que dixo "non me afectan en nada, son as contradicións do Partido Popular".

Como réplica a mandataria socialista apunta que os populares "xa podían buscar outro cualificativo", debido a que ela cre que ao goberno da Deputación de Pontevedra "a xente tennos por valentes porque a verdade é que o somos e moito" debido a que "estamos a cambiar isto radicalmente con todo o que significa isto de valentía".

En referencia ás críticas realizadas á súa incomparecencia no Parlamento por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a presidenta da Deputación lamentou "a pouca capacidade do PP para entender" que hai un Estado de dereito en España con división de poderes. "Que pinta o señor Feijóo?, eles confúndeno todo. Cando chegan ás administracións cren que son súas, que todo o que gobernan perténcelles, e non, perténcelle á xente".

Tamén acusou o presidente da Xunta de "sumarse ao modelo de confrontación permanente do señor Rueda", ao falar de falta de transparencia na Deputación de Pontevedra o que, a xuízo da súa presidenta, "demostra que mente ou que descoñece, non hai máis posibilidades".

Neste sentido, Carmela Silva lembrou que "todos" os acordos que se aproban na xunta de goberno da administración provincial son remitidos á Xunta e á subdelegación do goberno, publícanse no boletín oficial e na web da institución, "luz e taquígrafos", afirmou "é imposible ser máis transparente que nós".

Finalmente Carmela Silva reprochou ao Partido Popular que a falta de transparencia "e a inequidade das súas decisións é total" alí onde gobernan, "en calquera administración".