Carmela Silva pide "financiación estable" para os concellos e que o Camiño siga crecendo

Pontevedra
29 de xullo 2021

A presidenta da Deputación moderou unha mesa con alcaldesas na presentación do Plan Nacional Xacobeo na que lembrou que "ou Camiño non é patrimonio de ningunha Administración, senón de todos e todas"

Carmela Silva participa na presentación do Plan Nacional Xacobeo en Santiago
Carmela Silva participa na presentación do Plan Nacional Xacobeo en Santiago /

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, incidiu este xoves no papel fundamental que xogan os concellos na pegada histórica e repercusión que alcanzou o Camiño de Santiago. Fíxoo durante a xornada de presentación do Plan Turístico Nacional Xacobeo 2021-2022 que tivo lugar en Santiago e na que a socialista se encargou de moderar unha mesa redonda titulada "Os Concellos no Camiño de Santiago. Presente e futuro".

A presidenta estivo acompañada das alcaldesas de Meis, Allariz, Vimianzo e Barreiros. Tamén se deron cita a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto; o secretario de Estado, Fernando Valdés; o presidente da Fegamp, Alberto Varela; a directora xeral de Turismo, Nava Castro; e numerosos rexedores e parlamentarios de toda Galicia. 

A mandataria destacou "a forte pegada cultural, histórica, social, económica e patrimonial do Camiño no territorio" e puxo en valor o protagonismo dos concellos ao afirmar que "o Xacobeo son os concellos. O Camiño é un elemento de unión e posta en común duns valores cos que nos sentimos representados, e os concellos convertérono nun dos seus sinais de identidade". 

Sen pasar por alto que a mesa redonda estivo composta por cinco mulleres, Silva advertiu de que "os concellos deben ter un modelo de financiamento claro para o Camiño, un modelo de cogobernanza no que participar activamente; e traballar para que a veciñanza se sinta copartícipe e non haxa rexeitamento pola súa parte". E pechou o seu discurso cunha reflexión: "o Camiño non é patrimonio de ningunha Administración, senón de todos".

Pola súa banda, a ministra Reyes Maroto destacou na súa intervención que o Camiño de Santiago é "un dos principais produtos turísticos de Galicia, un elemento que vertebra o territorio" e manifestou que o Plan Nacional Xacobeo "abrirá as portas de Galicia e España ao mundo".