Carmela Silva pide ao PP que "deixe de seguir a estratexia de confrontación que dicta Alfonso Rueda"

Pontevedra
02 de novembro 2017

Nun comunicado de prensa a mandataria socialista sinala que "é incomprensible que en lugar de mostrar a súa ledicia porque a Deputación anuncie unha chea de recursos a disposición dos concellos"

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, volveu a pedir ao Partido Popular da provincia de Pontevedra que "abandone dunha vez a estratexia de confrontación", e que fagan "política de alto nivel".

Nun comunicado de prensa a mandataria socialista sinala que "é incomprensible que en lugar de mostrar a súa ledicia porque a Deputación anuncie unha chea de recursos a disposición dos concellos, algúns para facer fronte aos lumes, a outros para previlos, e para facer novas políticas que poidan responder á situación de cambio climático e de secas que chegaron para quedarse, digan cousas que realmente sorprenden polo seu baixo nivel".

Aínda así, Carmela Silva, sinalou que non ten "ningún problema" en explicar "cantas veces faga falta" aos deputados do PP "cousas tan obvias que dan un pouco de vergoña cando se din".

"Entendo que Alfonso Rueda lles envíe a facer unha rolda de prensa na que non dixeron absolutamente nada, pero pídolles que deixen de actuar movidos pola estratexia do ruído que segue caracterizando ao seu presidente na provincia", dixo.

Á pregunta na que insiste o PP de onde van a saír os máis de 90 millóns de euros, a presidenta da Deputación é clara: "dos presupostos señores e señoras do PP, ¿de onde van a saír?. Saen de onde saen todas as inversións e todos os recursos: dos orzamentos da Deputación, dos do 2017, dos do 2018 e dos do 2019". 

Arquivado en