A intervención do vicepresidente da Xunta de Galicia e líder do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, no Parlamento de Galicia este martes para falar da xestión das emerxencias non sentou ben na Deputación Provincial.
A presidenta, Carmela Silva, pediulle este mércores que "deixemos de marear a perdiz e nos poñamos en serio" co asunto. Esa 'seriedade' pasaría, ao seu xuízo, por presentar un proxecto pechado para a comarcalización dos parques de bombeiros e falar del coas grandes cidades.
A Xunta de Galicia convocou unha reunión o vindeiro mércores 29 de novembro para abordar un asunto, pero nin Carmela Silva nin os deputados Carlos López Font e David Regades poderán asistir, pois os tres son concelleiros en Vigo e ese día teñen previsto un pleno da corporación.
A Xunta ten a "mala costume de convocar sen preguntar", de modo que a presidenta provincial enviou unha carta para pedir o cambio de data. Confían en que lles fagan caso, pois lle parece unha reunión importante á que quere acudir.
En canto á comparecencia de Rueda, que apostou no Parlamento pola comarcalización, Carmela Silva lembrou que "aínda non se falou coas cidades" e pregúntase "como é posible que se fale de algo cando os interlocutores válidos cos que tes que falar nin os convocaches nin están nesa reunión".
No momento en que a Xunta presente "estudos serios" sobre o particular e respecte a autonomía local e ás grandes cidades -neste caso, Vigo e Pontevedra-, Carmela Silva está disposta a abordar o tema, pero resalta que "de momento, son palabras que as leva o vento".
O vicepresidente provincial, César Mosquera, tamén se referiu este mércores a este asunto e indicou que, no seu caso, ten "clarísimo" que a Xunta de Galicia "non quere facer nada". Tras o debate do Parlamento e a última reunión entre o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, "non hai ningunha dúbida" de que non van facer nada para mellorar a xestión das emerxencias investindo na comarcalización.