A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, pedirá ao Goberno central e á Xunta que declaren Galicia "zona afectada gravemente por unha emerxencia de Protección Civil".
Farao na reunión convocada para este martes polo delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, coa intención de que se desbloquee a chegada de axuda aos afectados.
En concreto, a presidenta provincial pide "que se aplique unha lei que está xa aprobada", en referencia á Lei 17/2015 do Sistema Nacional de Protección Civil. Trátase dunha declaración similar á coñecida de zona catastrófica pero "moito máis rápida", asegura Silva, xa que a declaración como zona catastrófica réxese por unha lei do ano 1981 e necesitaría da aprobación dun Real Decreto no Congreso dos Deputados.
No caso da lexislación referida do sistema de Protección Civil, só sería necesitaría a súa aprobación nun consello de Ministros, momento no que se poderían empezar a conceder axudas económicas aos particulares ou empresas afectadas, explotacións gandeiras, agrícolas ou forestais, aos propios concellos ou se podería habilitar unha liña de crédito, entre outras medidas.
"Como non nos dixo nada disto o Goberno de España? Como non o puxo a Xunta encima da mesa", pregúntase a presidenta provincial, para quen a declaración debería comprender toda Galicia para dar servizo a todos os municipios afectados polo lume.
A maiores, Carmela Silva incidiu na necesidade de traballar en "unha estratexia nacional de loita contra os incendios" comandada polo Goberno, ao ser quen ten as competencias neste asunto, contando coas comunidades autónomas, a Federación de Municipios e Provincias e coa comunidade científica.
RUEDA GARANTE AXUDAS DO GOBERNO
Ante esta petición, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que "non hai nada que reclamar", xa que garantiu que o Goberno "vaise implicar" nas axudas para paliar os danos ocasionados polos incendios. O Estado, aclarou, tomará a decisión "máis rápida" para que as axudan cheguen aos beneficiarios "o antes posible".
Entende que "non é necesario" reclamar a declaración de Galicia como zona afectada gravemente por unha emerxencia "porque xa se vai a facer". Na reunión deste martes, explicou, "queremos que todas as administracións poñamos en común o que estamos dispostos a aportar".
Iso si, Rueda apelou á colaboración da Deputación, en virtude da Lei de Emerxencias, para que tamén aprobe axudas nesta materia.
"Temos que ser construtivos e non poñer deberes aos demais antes de cumprir os de cada un", sinalou o vicepresidente galego, que pediu deixar a un carón as discusións para ver "que somos capaces de facer entre todos" para axudar á xente que "o está pasando mal".
A Deputación, dixo Alfonso Rueda, debe "botar unha man" para compensar os danos producidos polo lume na provincia de Pontevedra e instou a poñer as bases para que "quen teña vontade política de axudar o poida facer". A partir de aí, concluíu, "veremos a onde chega a implicación de cada un".