Carmela Silva: "Non teño dúbidas de que imos seguir gobernando tamén no próximo mandato"

Pontevedra
17 de xullo 2018

O goberno provincial da Deputación de Pontevedra protagonizou este martes un "acto de rendición de contas" co que fixo balance dos tres anos de mandato cumpridos polo bipartito Partido Socialista - BNG á fronte da administración provincial e que resumiu no lema "máis equidade, máis servizos, máis futuro"

Tres anos do goberno PSOE+BNG na Deputación
Tres anos do goberno PSOE+BNG na Deputación / Mónica Patxot

O goberno provincial da Deputación de Pontevedra protagonizou este martes un "acto de rendición de contas" co que fixo balance dos tres anos de mandato cumpridos polo bipartito Partido Socialista - BNG á fronte da administración provincial e que resumiu no lema "máis equidade, máis servizos, máis futuro".

Nun acto celebrado no salón de plenos da Deputación e ante un auditorio cheo de alcaldes e representantes municipais a presidenta da institución, Carmela Silva repasou pormenorizadamente a xestión levada a cabo durante esta etapa confesando que "queda camiño por percorrer" aínda que engadiu que "non teño dúbidas de que imos seguir gobernando tamén no próximo mandato".

Carmela Silva mostrouse "orgullosa e agradecida" de ter o "privilexio" de estar á fronte dun "goberno de coalición forte, unido e cun proxecto claro" recoñecendo "especialmente" o traballo desenvolvido polo vicepresidente César Mosquera.

"Queriamos unha administración do século XXI: limpa, transparente, xusta, avanzada, que contase coa intelixencia, creatividade, talento e o coñecemento" apuntou a presidenta sobre o seu propósito de que a Deputación "non gobernase de costas á xente, senón coa xente e para a xente".

Tamén tivo unha mención singular para o deputado de Cooperación, David Regades, que abandona a corporación provincial para asumir desde este mércores o seu novo cargo como delegado da Zona Franca de Vigo.

Pola súa banda, César Mosquera indicou durante a súa intervención que "este non é un acto de autoloubanza" senón que "a revolución que se deu na Deputación merece facer este tipo de actos" algo que considera "necesario".

O nacionalista afirmou que os principios que guían a acción de goberno son "humildade e realismo" sendo conscientes de que "nós non fomos elixidos polos cidadáns" respectando a autonomía municipal, rexeitando calquera tipo de "interferencia, sobradez ou prepotencia" e "facendo as cousas ben e con criterio". 

"Este tempo foi positivo pero non nos podemos durmir nos loureiros", concluíu Mosquera.