Carmela Silva no Foro Urbano de España: "Na Deputación sacamos adiante tódolos proxectos pactando cos 61 concellos da provincia"

Pontevedra
06 de outubro 2021

Durante este encontro, a presidenta provincial analizou o modelo de recuperación de espazo público que se desenvolve desde a institución que goberna. Carmela Silva ocupou a primeira das mesas de alto nivel do I Foro Urbano de España e III Foro Global de Gobernos Locais que se celebra en Sevilla

I Foro Urbano de España e III Foro Global de Gobernos Locais
I Foro Urbano de España e III Foro Global de Gobernos Locais / Deputación de Pontevedra

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, participaba na primeira das mesas de alto nivel do I Foro Urbano de España e III Foro Global de Gobernos Locais, que se celebra en Sevilla e que era inaugurado polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, este martes.

A participación da presidenta provincial rexistrábase na mesa sobre Transición Ecolóxica e Modelo de Cidade. Durante a súa intervención reivindicou o papel imprescindible da administración local para cambiar os espazos urbanos con "decisións revolucionarias".

Silva atópase acompañada polos deputados Gregorio Agís e Uxío Benítez, responsables de Infraestruturas e de Mobilidade na Deputación. A presidenta definiuse como unha "política polémica" e defendeu ese termo en relación á valentía para levar a cabo as transformacións que a sociedade demanda. Considera que as persoas deben estar no "centro de todo" e avogou por un cambio de discursos.

A máxima representante da  Deputación afirmou que é no mundo local onde se toman decisións que moitas veces ven entorpecidas polas competencias autonómicas e mesmo polas estatais e europeas. Por este motivo, defendeu que a cogobernanza pase pola subsidiariedade para que cada Administración "faga aquilo que mellor sabe facer". 

Afirmou, ademais, que desde a  Deputación póñense en marcha todos os proxectos de transformación ecolóxica, igualdade, dixitalización e cohesión social pactando cos 61 concellos da provincia. Carmela Silva apunta a que se trata dunha cuestión de vontade e de comprender que o reto é moi grande e que se necesita pasar da teoría á práctica para levar a cabo políticas que reforcen aos gobernos locais, sobre todo neste proceso de recuperación tras superar a pandemia.