Carmela Silva, igual que Pedro Sánchez, aposta pola transición ecolóxica

Pontevedra
07 de xuño 2019

A presidenta vén de anunciar que a administración provincial recibiu a última das achegas de Europa por valor de 548.089,99 euros, que permitirán substituír 1.385 puntos de luz por luminarias LED en nove concellos da provincia, entre eles Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e A Lama

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra / Nacho Fuentes

O presidente do Goberno, agora mesmo en funcións, Pedro Sánchez sinalou entre os catro eixos da súa futura acción de goberno, en primeiro lugar "la transición ecológica, la mitigación y la adaptación al cambio climático de nuestro país". Neste mesmo senso, e citando ao propio Sánchez, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, adiantou que "nos vindeiros catro anos esta Deputación vai marcar como obxectivo prioritario a transición ecolóxica, e vai impulsar moitos proxectos para salvagardar o planeta que é o mesmo que salvar a vida".

Así, a presidenta vén de anunciar que a administración provincial recibiu a última das achegas de Europa por valor de 548.089,99 euros, que permitirán substituír 1.385 puntos de luz por luminarias LED en nove concellos da provincia, entre eles Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e A Lama.

Esta última achega europea completa o proxecto de eficiencia enerxética no alumeado público exterior de 43 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. En total vanse investir 4 millóns de euros que permitirán substituír 7.519 puntos de luz por luminarias LED que aforrarán de media un 62% na factura da luz.

Ademáis a presidenta da Deputación de Pontevedra recordou que a este proxecto súmanse tamén as axudas destinadas á substitución de caldeiras de combustible non renovable por caldeiras de biomasa e ao da renovación do alumeado público exterior en BIC´s, ambos cun investimento de 416.214 e 130.000 euros respectivamente. 

A Deputación tamén concorrerá á nova liña de achegas do IDAE para impulsar unha economía baixa en carbono.