Carmela Silva, firme contra a violencia de xénero: "no mundo hai un holocausto de asasinatos de mulleres"

Pontevedra
20 de setembro 2019

A presidenta da Deputación anunciou a concesión de 220.000 euros en subvencións a concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero para este ano 2019 

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra / Deputación Provincial

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, volveuse amosar firme este venres en manter a loita pola igualdade e contra a violencia de xénero como unha prioridade para o goberno provincial e nun posicionamento inamovible contra todas as violencias contra as mulleres. "Van 1.017 mulleres asasinadas e no mundo hai un holocausto de asasinatos de mulleres e hai que dicilo así de claro e de contundente", sinalou en declaracións aos medios de comunicación. 

Carmela Silva realizou estas declaracións ao fío do anuncio de que a Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres a concesión de subvencións dirixidas aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero para este ano 2019. Achegará 220.000 euros a 43 concellos da provincia. 

Unha vez anunciadas estas axudas, sinalou que mentres en Andalucía "o PP e Ciudadanos, da man de Vox, están a retirar subvencións aos colectivos que traballan contra a violencia de xénero", a Deputación de Pontevedra destina recursos aos concellos e recursos aos colectivos porque "é a única forma de seguir loitando contra os asasinatos de mulleres".

Previamente a estas declaracións, e ao fío das mesmas axudas, quixo facer referencia a unha polémica xurdida esta semana despois do triplo crime machista no que José Luis Abet asasinou á súa ex muller, a súa ex sogra e a súa ex cuñada en Valga. Logo deses feitos, Carmela Silva amosou a súa rabia, carraxe e indignación fronte aos asasinatos de mulleres e criticou a "hipocresía" de partidos políticos que amosan a súa preocupación cando se producen estes asasinatos, pero "non queren chamarlle ás violencias que sufrimos as mulleres violencias machistas". Logo desas afirmacións, recibiu todo tipo de críticas a través das redes sociais e este venres quixo facer referencia á situación

"Non vexan vostedes nas miñas redes que ataques tan duros tiven, incluso de mulleres do PP", indicou, e pasou a preguntarse como é posible que o Partido Popular se enfaden con ela por este tipo de afirmacións cando se dan situacións como a sucedida este xoves en Madrid durante un minuto de silencio por una muller asasinada diante das súas fillas, cun enfrontamento entre o alcalde, José Luis Martínez-Almeida, e o portavoz municipal de Vox, Javier Ortega Smith. Considera que foi un "feito vergonzoso" entre o alcalde e "os desalmados e a desalmada de Vox" que abriron unha pancarta negando a violencia de xénero

Carmela Silva critica que "a única preocupación do alcalde de Madrid era que houbera dúas pancartas e non o que poñía nas pancartas " e que afirmase "xa sabes que tiñamos un acordo, que isto é violencia intrafamiliar e que tampouco estou dacordo coas manifestacións do 8M". Ante esta situación, a presidenta provincial pregúntase "están enfadados o PP de Galicia porque a presidenta da Deputación de Pontevedra di estas cousas? Di algunha mentira a presidenta da Deputación? Falta á verdade?".

Ademais, lanza unha mensaxe aos PP galego e pontevedrés: "non vou calar, para min é unha prioridade a igualdade e a loita contra os asasinatos de mulleres. Non vou calar e vou falar claro. Nos están asasinando, queda claro?". Ademais, quixo insistir en que non hai unanimidade entre os grupos políticos nin en España nin en Galicia nin na provincia de Pontevedra en torno ás violencias machistas

"Eu non digo que non haxa mulleres e homes do PP que teñan conciencia feminista e de igualdade, que si que hai, digo que o partido non a ten e o amosa isto, chamarlle violencia intrafamiliar á violencia machista e esta vergoña, nin respectar o asasinato dunha muller", sinalou.