Carmela Silva fai un chamamento ás mulleres para que participen na folga feminista o 8 de marzo

Pontevedra
22 de febreiro 2019

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva tamén convidou aos "homes igualitarios" a que acudan ás concentracións e manifestacións programadas para esa xornada, pero non á folga á que só están chamadas as mulleres

Concentración na Deputación polo 8 de marzo
Concentración na Deputación polo 8 de marzo / PontevedraViva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva fixo un chamamento a todas as mulleres para que participen na folga feminista convocada para o próximo 8 de Marzo.

O vindeiro venres 1 de marzo a Deputación ten previsto colgar unha gran pancarta na fachada principal das sedes da institución en Pontevedra e Vigo para "animar ás mulleres da provincia" a que secunden este paro feminino de 24 horas e demostrar así que "se as mulleres paramos, para o mundo".

Tamén convidou aos "homes igualitarios" a que acudan ás concentracións e manifestacións programadas para esa xornada, pero non á folga á que só están chamadas as mulleres.

O 8 de marzo a presidenta da Deputación, do mesmo xeito que o resto de políticas do goberno provincial bipartito (PSdeG+BNG) "e todas as mulleres que conforman o meu gabinete", acordaron facer folga e estenden este chamamento ao resto de traballadoras desta administración para que se somen "e reivindiquemos xuntas". Ese día lerán un  manifesto nas escaleiras principais do Pazo Provincial.

A próxima semana será presentado o programa completo de marzo e abril, "que non deixará a ninguén indiferente", comentou Silva.

"O CONTO DA CRIADA"

Nesta mesma rolda de prensa Carmela Silva tamén se referiu á polémica xerada polo anuncio da Xunta para atraer mulleres inmigrantes "en idade fértil". A presidenta foi moi crítica con esta medida contemplada na nova Lei de Impulso Demográfico que "converte ás mulleres inmigrantes en vasijas" e en persoas "con data de caducidade".

"Indígname que a Xunta vaia a dar incentivos ás mulleres inmigrantes en idade fértil,  convertiéndolas en personaxes da serie O conto da criada" dixo a mandataria provincial para quen esta noticia "é un escándalo e un motivo suficiente para que a persoa que o expuxo dimita".

"É unha vergoña, espero que saian a dar explicacións", dixo.

"PROFUNDA BRECHA SALARIAL"

Carmela Silva lembrou que este venres celébrase o Día pola igualdade salarial e citou os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) nos que se reflicte que as mulleres galegas, tras as canarias e as cántabras, son as que menor retribución por hora perciben de todo o Estado, sendo esta un 15,2 por cento inferior á masculina. 

Os datos do INE tamén indican que as galegas recibiron un salario anual inferior nun 23% ao dos homes. En canto á análise do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), os datos revelan que o 37,1 por cento das asalariadas galegas teñen ingresos menores ou iguais a este, fronte ao 29,2 por cento dos homes. 

"As mulleres terían que traballar 10 anos máis que os homes para alcanzar as mesmas retribucións", citou Carmela Silva entre outros indicadores relativos á "profunda brecha salarial das mulleres galegas".