Carmela Silva esixe a "retirada inmediata" da campaña da Xunta polo 25N: "Pon o foco nas vítimas"

Pontevedra
24 de novembro 2022

"Que a retiren xa e que pidan desculpas", reclamou a presidenta provincial, Carmela Silva, que considera "intolerable" que o goberno galego "amparara e permitira" esta campaña

Imaxe da campaña da Xunta de Galicia polo 25N
Imaxe da campaña da Xunta de Galicia polo 25N

A Deputación de Pontevedra esixiu a "retirada inmediata" da campaña da Xunta de Galicia con motivo do 25N, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, por "poñer o foco nas vítimas e non nos maltratadores"

"Que a retiren xa e que pidan desculpas", reclamou a presidenta provincial, Carmela Silva, que considera "intolerable" que o goberno galego "amparara e permitira" esta campaña.

Silva expresou a súa "indignación"  ante esta campaña e lamentou que o PP demostre que non ten "absolutamente ningún coñecemento" sobre que é o sistema patriarcal "o que xera as violencias e as agresións sobre as mulleres" e non o que fan as mulleres.

As violencias machistas, reiterou a dirixente socialista, "nacen dunha sociedade patriarcal que considera que as mulleres están nunha situación de inferioridade", ao impedir que sexan libres, tomar as súas propias decisións ou ter control sobre a súa vida.

"Xustamente esta campaña, en lugar de poñer o foco no maltratador, no asasino de mulleres, pono nas actividades que libremente teñen, poden e deben desenvolver as mulleres", denunciou a presidenta da Deputación de Pontevedra. 

Sostivo que, para facer unha campaña deste tipo, "é mellor non facer ningunha" porque se volve a pousar a mirada "nas que somos agredidas nunha sociedade machista".

Arquivado en