A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, enviaba unha carta á Vicepresidencia da Xunta de Galicia para que rehabilie e realice os traballos de conservación do Pazo de Lourizán, tal e como se recolle no convenio da cesión da finca e as edificacións de Lourizán, asinado en 1990 entre as dúas institucións e ratificado nun segundo acordo o do ano 2000.
Carmela Silva sinala que o convenio de cesión establece que a Xunta ten que acometer as actuacións necesarias para afrontar os traballos para a conservación do pazo, inmoble que se atopa catalogado e integrado no Patrimonio Cultural de Galicia.
O convenio de cesión, lembra a presidenta provincial, é por un período de 30 anos, que finaliza o 22 de xaneiro de 2021 e nese acordo "deixa meridianamente claro" que unha das obrigas da Xunta é efectuar as obras de conservación e mantemento da zona nobre do conxunto, respectando o seu carácter artístico. E ratifícase no convenio de 2000 que unha das obrigacións do executivo galego é efectuar as obras de conservación necesarias na zona nobre, respectando o actual conxunto.
Coa carta, Carmela Silva adxunta a memoria técnica sobre as intervencións necesarias para a conservación do pazo, que foi elaborada polo Servizo de Arquitectura da Deputación. Este departamento sitúa en máis de 14 millóns de euros o investimento que se debe facer para resolver o deficiente estado de conservación que presenta o pazo.
No informe indícase que a seguridade estrutural do edificio non está garantida en varias zonas do inmoble. A galería está apuntalada, varios dinteles atópanse fracturados e algunhas zonas contan con repisado en varias salas e corredores; humidades moi patentes; zonas que invadiu a vexetación e áreas colonizadas por algas, mofo e líquenes.
Nese informe indícase tamén que a parte da cuberta do cara sur do inmoble comezou a afundirse con riscos importantes á seguridade eléctrica con perigo de curto circuítos. Ademais, as carpinterías interiores e exteriores atópanse en mal estado e os técnicos indican que non se dispón de vixilancia, con inseguridade ante actos vandálicos, ocupacións ou roubos.