Carmela Silva enmarca os "insultos" do alcalde de Vilanova nunha "estratexia" ideada por Núñez Feijóo e Alfonso Rueda

Pontevedra
28 de xaneiro 2020

Para a presidenta de Deputación este tipo de polémicas reflicte que "o Partido Popular está moi nervioso" porque "perderon o Goberno do Estado, perderon o goberno da Deputación e van perder a Xunta de Galicia e iso tenos fóra de si e lévalles a cometer estes gravísimos erros políticos"

Carmela Silva, presidenta da Deputación
Carmela Silva, presidenta da Deputación / Cristina Saiz

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, enmarcou os "insultos" do alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán nunha "estratexia" ideada polo presidente da Xunta e líder do PP galego Alberto Núñez Feijóo e o vicepresidente, Alfonso Rueda.

Este luns en rolda de prensa o rexedor arousán anunciou unha acción penal contra Silva, á que chamou "presunta delincuenta" por formar parte dunha "trama" dirixida polo goberno provincial que paraliza obras para desviar eses fondos para o Concello de Vigo.

Carmela Silva cre que esta acusación é "un despropósito total e absoluto" e enmárcaa "no modus operandi do Partido Popular" que, segundo dixo, "móvense exclusivamente na descualificación, na calumnia, na mentira, no insulto e no machismo máis rancio".

A presidenta da Deputación dixo que lle produce unha "profunda tristeza, desánimo, e vergoña allea" que o portavoz provincial do Partido Popular e alcalde do Concello de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela "se sume a esta vergoña política".

"Quero que a xente saiba que isto é unha estratexia ideada polo señor Feijóo e polo señor Rueda", sinalou a mandataria socialista. Carmela Silva engadiu que "xa o fixeron cando gobernaba o bipartito, polo tanto a ninguén lle estrañan estes comportamentos".

Para Carmela Silva este tipo de polémicas reflicte que "o Partido Popular está moi nervioso" porque "perderon o Goberno do Estado, perderon o goberno da Deputación e van perder a Xunta de Galicia e iso tenos fóra de si e lévalles a cometer estes gravísimos erros políticos".

Silva afirmou que "espero que cesen nesta forma tan terrible de actuar" xa que "a política é construír para que a xente poida vivir mellor" polo que non quixo contestar as declaracións do alcalde de Vilanova porque "non lle vou a dar ás a esas descualificacións" e, dirixíndose ao Partido Popular, indicou que "mentres eles son políticos pequenos o goberno da Deputación fai política grande".

Finalmente a presidenta da Deputación de Pontevedra dixo que "sinto unha tremenda vergoña, é máis lle pido perdón á xente porque haxa persoas así na política".