A presidenta da Deputación, Carmela Silva e o alcalde do Concello de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores asinaron este mércores un novo convenio que posibilitará o desenvolvemento de actividades nos ámbitos da educación, saúde, deporte e promoción económica.
O orzamento ascende a 222.272 euros, que serán sufragados entre a Deputación, con preto de 169.056 euros (76%), e o Concello de Pontevedra, que achegará os 53.216 euros restantes (24%). Os fondos servirán para levar a cabo a III Feira dá Saúde e Benestar Pontesán, Ponteciencia, a IX Feira da Miniciencia, Gastrolab e un foro internacional de gastronomía.
Carmela Silva indicou ao alcalde que "gústame moito que á Deputación de Pontevedra a deixedes formar parte destas actividades que son sinais de identidade da cidade" polo que expresou o seu desexo de que "sigamos asinando máis convenios e investindo na cidade".
Pola súa banda, Lores incidiu en que se trata de "un convenio completo que atende moitos aspectos da vida pública local". E engadiu que "o normal é colaborar entre administracións locais" e lembrou que este é o terceiro convenio que asinan ambas as institucións neste mes.
As actividades comezarán o 20 de maio coa apertura da III Feira da Saúde e Benestar Pontesán, que se celebrará na praza de España ata o día 22 e que este ano se centra na loita contra a depresión, a tristeza e a ansiedade. As persoas que acudan a este encontro poderán gozar de conferencias, talleres, demostracións, actividades físicas e mesmo medicións de valores como o colesterol ou o peso favorecendo así a as boas prácticas saudables.
A fin de semana seguinte, nos días 27 e 28 de maio, celebrarase Ponteciencia, un proxecto que achega ferramentas e actividades que ofrecen unha visión dinámica e atractiva da ciencia, a tecnoloxía e a innovación. Entre elas destaca a Feira da Miniciencia, que este ano chega á súa novena edición coa exposición de proxectos de investigación realizados polos escolares nas aulas ou cos seus familiares. Ademais, a feira contará con talleres e comités científicos. Así, en Ponteciencia participarán 17 centros educativos e 8 familias e presentaranse 44 investigacións.
A Deputación e o Concello de Pontevedra tamén apostan pola gastronomía como foco de promoción da economía local coa promoción de Gastrolab, un proxecto que conta con diferentes actividades relacionadas co sector como "Capital Gastro", unha aceleradora e incubadora de proxectos gastronómicos. Nesta liña, tamén levará a cabo un foro internacional de gastronomía que terá un marcado carácter internacional. Nel abordaranse temas como a sustentabilidade, as tendencias de consumo ou os novos modelos de negocios en hostalería e turismo.