A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegura estar "cansada de perder o tempo co señor Rueda, cansadísima". O futuro do Pazo de Lourizán é o motivo deste novo desencontro entre o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda e presidenta provincial.
A resposta de Carmela Silva chega despois de que a pasada semana PontevedraVivadesvelase que a Xunta fará un novo intento, o terceiro, por tentar sacar adiante a súa proposta para rehabilitar a emblemática residencia do presidente do Goberno Eugenio Montero Ríos, co financiamento de Ence para que sexa o centro de investigación forestal da pasteira "sen que se perda a titularidade pública do edificio".
Carmela Silva quixo deixar clara a cronoloxía deste desencontro que empezou "co anuncio ante a prensa" do vicepresidente do executivo galego da súa aposta por esta rehabilitación privada.
- 17 de outubro. Deputación chama a Vicepresidencia para acordar unha cita "inmediata".
- 18 de outubro. A Xunta contesta por carta que está disposta a reunirse.
- 19 de outubro. Deputación responde por carta que "encantados" e que fixe día e lugar.
- 21 de outubro. Xunta anuncia por carta que quere que acuda ENCE á reunión.
- 26 de outubro. Deputación, por carta, di que con Ence non se quere reunir.
- 20 de xaneiro. Deputación insiste, por carta, que segue pendente da reunión.
"Cando queira, aquí, que nos diga día e hora", insistiu Carmela Silva sobre unha reunión "da que tanto fala sen parar" o vicepresidente da Xunta.
A presidenta da Deputación afirmou que para esta semana ten toda a súa axenda pechada, "pero eu paro toda a miña axenda polo señor Rueda. Cando queira. Só ten que dicir cando quera vir para falar dese proxecto que ten para o Pazo de Lourizán e que a Deputación de Pontevedra aínda non coñece", dixo Carmela Silva.
Fontes do executivo autonómico adiantaron que "en próximas datas" volverán cursar unha nova petición de entrevista coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, "para tratar de que o proxecto sexa unha realidade".
Finalmente, Carmela Silva lembrou que o cargo de vicepresidente da Xunta "é unha cousa moi seria e a persoa que ten ese cargo debería ser tan seria como o cargo e realmente non o é".