A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Poio, Luciano Sobral, e o deputado de infraestruturas Gregorio Agís, visitou este mércores as actuacións levadas a cabo no núcleo da Seara, na parroquia de San Xoán.
A administración provincial ten investido nesta contorna máis dun millón de euros a través de tres proxectos de recuperación das contornas tradicionais e de mellora da mobilidade e a seguridade viaria financiados cos plans DepoRemse (500.000 euros) e Concellos (tres achegas por importe de 501.000 euros).
Carmela Silva destacou que "son o exemplo de que, grazas á complicidade e do traballo conxunto que temos a Deputación e o Concello nos últimos tempos".
A Seara, asegurou a presidenta, "está irrecoñecible tralas obras", e destacou actuacións como a dotación de plataforma única e a renovación do saneamento e da iluminación con criterios de aforro e respecto ao medio ambiente. "O antes e o despois é un cambio transcendental que me fai absolutamente feliz, porque traballamos co concello para que a súa veciñanza teña calidade de vida".
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, agradeceu a Deputación o esforzo económico porque "temos a oportunidade de optar a plans con recursos fixos e suficientes para poder acometer obras cun horizonte e garantías", e instou a seguir traballando da man "para reconstruír o benestar da cidadanía, que é o que a xente quere".
Sobral salientou que este proxecto "global" supuxo a actuación "tanto na vía como nos servizos públicos" e puxo o foco en que esta zona é o antigo Camiño Real, a vía primitiva que comunicaba anteriormente Pontevedra co Grove, polo que "procuramos darlle un acabado que tivese que ver co que era o seu espírito orixinal, e creo que acertamos".