Carmela Silva considera que o acordo de Goberno entre o PSOE e Unidas Podemos "era unha decisión obrigada"

Pontevedra
13 de novembro 2019

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, insistiu en que "era obrigado que haxa un goberno xa e que finalmente se dese esa coalición" porque "foi o que dixo a xente co seu voto, falou tan alto e tan claro que non escoitar á xente sería un erro terrible", destacou

Pedro Sánchez e Pablo Iglesias
Pedro Sánchez e Pablo Iglesias / RTVE

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, valorou como unha "boa decisión" o preacordo de goberno alcanzado polos líderes do PSOE e de Unidas Podemos, Pedro Sánchez e Pablo Iglesias.

A mandataria socialista pontevedresa cre que ademais "era unha decisión obrigada" xa que despois dos resultados electorais do pasado domingo 10 de novembro "non queda outra que escoitar á xente".

Carmela Silva insistiu en que "era obrigado que haxa un goberno xa e que finalmente se dese esa coalición" porque "foi o que dixo a xente co seu voto, falou tan alto e tan claro que non escoitar á xente sería un erro terrible", destacou.

Atendendo ás preguntas dos medios tras concluír un acto institucional en Pontevedra a presidenta da Deputación engadiu que "agora espero que o resto dos grupos políticos non volvan mostrar a mesma irresponsabilidade que mostraron despois das eleccións de abril".

Neste sentido, Carmela Silva indicou que "me preocupa moitísimo" as declaracións "con aquel ardor" do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen considera que hai "alternativa" a un posible Goberno de coalición entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias e pediu ao PSOE sentar co Partido Popular para explorar se é posible chegar a un acordo.

"Non confiamos en vostedes" replicou Silva ao líder popular galego que "se non houbo goberno en abril foi porque os señores e señoras do PP foron altamente irresponsables", xa que, ao seu xuízo, "tíñanse que abster igual que fixo o PSOE con Rajoy" e así "dar estabilidade a este país".

A presidenta da Deputación de Pontevedra recomendou ao PP que faga "autocrítica" e lémbralles que a cidadanía nas urnas "ao Partido Popular volveron poñer no seu sitio".

Finalmente Carmela Silva saudou este acordo de coalición e demandou de maneira prioritaria "políticas ligadas á igualdade" nas que "espero que aí este o Partido Popular e que lle das costas a  VOX, que nega as violencias que sufrimos as mulleres".