Carmela Silva confesa estar "asombrada" pola "desastrosa" xestión do PP coas Pousadas do Salnés

O Salnés
09 de outubro 2015

A presidenta da Deputación explicou que o proxecto das Pousadas é unha "herdanza complicada" aínda que precisou que "iso non significa que nós non sigamos traballando no desenvolvemento deses programas tentando suplir as tremendas carencias de xestión que tiñan"

Pousada da Lanzada
Pousada da Lanzada / Mónica Patxot

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, confesou estar "asombrada" pola "desastrosa" xestión do anterior goberno provincial do Partido Popular coas Pousadas do Salnés.

O grupo popular na Deputación presentou unha moción para que o goberno provincial explique a situación do proxecto das Pousadas. Este venres Carmela Silva recomendou aos deputados do PP que si queren saber algo sobre a xestión deste proxecto é mellor que lle pregunten ao anterior presidente Rafael Louzán.

"Estou asombrada das cousas que fai o Partido Popular na Deputación de Pontevedra", comentou a presidenta "sinceramente non mo podo crer, é tanta a sorpresa que teño que quedo impresionada", dixo respecto da "falta de rigor, seriedade, de análise, mesmo de responsabilidade" que, ao seu xuízo, demostran os deputados do PP.

"Espero que o Partido Popular veña ao pleno coas preguntas e tamén coas respostas", apostilou.

A apertura das catro Pousadas do Salnés foi anunciada polo anterior presidente da Deputación para a Semana Santa de 2015 e posteriormente para ese mesmo verán, sen que se producise en ningunha das dúas datas. Segundo lembrou o deputado responsable da área de Turismo, Santos Héctor este goberno provincial tomou posesión o pasado 24 de xullo e desde ese momento tivo que adoptar unha serie de "decisións de urxencia" polo "abandono" que sufría o proxecto por parte de Rafael Louzán e o seu equipo.

Carmela Silva valorou que "toda a xestión que fixo non foi mala, foi peor" polo que pediu aos deputados do PP que "expliquen aos pontevedreses que pasou con esta xestión tan desastrosa deste programa".

UNHA HERDANZA COMPLICADA

A presidenta da Deputación explicou que o proxecto das Pousadas é unha "herdanza complicada" aínda que precisou que "iso non significa que nós non sigamos traballando no desenvolvemento deses programas tentando suplir as tremendas carencias de xestión que tiñan".

Segundo informaron desde o goberno provincial, a pesar de que os edificios das Pousadas levaban finalizados desde 2012, non foi ata maio de 2015 cando comezaron a tramitarse as licenzas de primeira ocupación e as de actividade turística. Carecían de seguro, de vixilancia e a de Meaño non contaba con subministración eléctrica. Ademais a propia empresa adxudicataria das catro Pousadas puxo de manifesto que os inmobles non podían ser recepcionados polas súas múltiples deficiencias, entre as que destacan as licenzas para a súa actividade das que carecían.

REMISIÓN A FISCALÍA

As Pousadas do Salnés forman parte dos proxectos do anterior goberno provincial que a Deputación de Pontevedra trasladará á Fiscalía e ao Tribunal de Contas, xa que na súa tramitación detectáronse "irregularidades", tanto na xestión como nos pagos.

Segundo informou Carmela Silva nestes momentos todos os documentos relativos a estes proxectos están a ser "seriados e foliados" para poder entregalos á Fiscalía para que poidan analizar esas irregularidades.

"Moi pronto os teremos para poder remitilos", sinalou Carmela Silva comentando que son unha gran cantidade de expedientes e informes, polo que "non é fácil reunir toda esa información".

En concreto, o proxecto Pousadas tiña un orzamento consignado de nove millóns de euros, dos cales 6,6 millóns procedían de fondos europeos, e que no pasado mes de xullo xa se tiñan investidos máis de 20 millóns de euros os cales xa están case que superados cos novos gastos xurdidos nestes dous meses.

Arquivado en