Carmela Silva asegura que a Xunta aumentará o recibo da auga ata o 180% nos fogares e o 130% nas empresas

Pontevedra
10 de setembro 2021

A Deputación de Pontevedra vai remitir as súas alegacións ao anteproxecto de lei do ciclo integral da auga que pretende impoñer a Xunta de Galicia  

Carmela Silva, presidenta da Deputación
Carmela Silva, presidenta da Deputación / Mónica Patxot

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva asegurou que o recibo da auga, con dous novos canons por parte da Xunta, "aumentará ata o 180% nos fogares e o 130% nas empresas".

En rolda de prensa Carmela Silva confirmou que este venres a Deputación de Pontevedra vai remitir as súas alegacións ao anteproxecto de lei do ciclo integral da auga que pretende impoñer a Xunta de Galicia. 

Un novo modelo que o Goberno provincial valora como "inxusto e unilateral" e que "atenta contra a autonomía local e contra a cidadanía" polo que pide a retirada deste anteproxecto por ser "un ataque ao mundo local" porque "nos obriga a asumir máis competencias impropias cos mesmos recursos e a financiar obras fóra das nosas competencias".

Carmela Silva afirmou que "a Xunta recorta os recursos ao ciclo da auga e fai que as entidades locais e a cidadanía o asuman"

"É un verdadeiro escándalo este anteproxecto", dixo Carmela Silva que alertou que a cidadanía verá incrementado o recibo da auga polos novos canons e advertiu de que "o anteproxecto non contempla tarifas sociais para as persoas vulnerables".

No caso dos  concellos, indicou que terán que asumir novas cargas administrativas, custos e sancións, adhíranse ou non voluntariamente á firma dos convenios con "un novo canon cunha tarifa que duplica a actual".

Carmela Silva lamentou que "en lugar de axudar aos concellos a loitar contra as fugas de auga, a Xunta penalízaas".

No caso das deputacións "dinamita a súa suficiencia financeira" e supoñería ter que recortar noutras prestacións. "A Xunta quere tutelar a nosa capacidade de decisión ao impoñernos a xestión dos recursos" co que "as deputacións non imos poder participar na planificación, só imos pagar" e como consecuencia "se isto ocorre teremos que recortar noutros servizos", dixo a presidenta da Deputación.

A mandataria provincial ha lembrado que a Deputación de Pontevedra a través do Plan  Concellos xa financia máis de 284 obras con 23 millóns de euros, pero "o anteproxecto obriga a un modelo de financiamento sen límites" e destacou que "a 11  concellos da provincia, se non se adhiren, a Xunta deixará de darlles o servizo".