A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, aplaudiu a decisión da Avogacía do Estado de achandarse e renunciar a exercer a defensa ante a Audiencia Nacional da prórroga de 60 anos, concedida en xaneiro de 2016 á fábrica de pasta de papel Ence polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy, para manter a súa actividade industrial na ría de Pontevedra.
"A min paréceme que é o que hai que facer e por tanto eu aplaudo a medida, así de claro", contestou Carmela Silva a preguntas dos xornalistas no transcurso dunha rolda de prensa na Deputación.
Carmela Silva dixo que "o futuro da economía, do emprego e do desenvolvemento económico, pasa por apostar polo medio ambiente" tal e como recollen os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030 da ONU, sinalou.
A mandataria socialista dixo estar segura de que o Ejeccutivo que preside Pedro Sánchez "o que fai é aplicar a lei" polo que considera que "ninguén lle pode pedir a un Goberno, que ademais ten un Ministerio de Transición Ecolóxica, que comparta o que fixo o Goberno de Rajoy" en referencia á prórroga da concesión dos terreos que ocupa Ence na ría de Pontevedra por 60 anos máis.
Respecto ao expresidente do Partido Popular engadiu que "desde logo non cría no medio ambiente" e lembrou que Mariano Rajoy declarou que "un primo seu dixéralle que non existía en cambio climático".
A presidenta provincial insistiu en que "a ninguén lle pode estrañar" que un Goberno "que si que cre que hai cambio climático" tome a decisión de achandarse entendendo que a medida adoptada polo Executivo anterior "non é acorde co século XXI nin coa normativa".
Finalmente, Carmela Silva comentou que "a xente nova está a demandarnos aos políticos que nos comprometamos co medio ambiente" para deixar un planeta "en boas condicións", concluíu.