Os traballadores de Ence anunciaron a súa intención de asistir ao pleno provincial deste venres na Deputación. Carmela Silva alertaba este xoves o persoal da factoría de Lourizán que non poderán participar durante a sesión porque a solicitude para facelo se presentou fóra do prazo establecido no regulamento do pleno.
Lembrou que os plenos son abertos ao público e que os traballadores, se asisten ao Pazo Provincial, serán "ben recibidos", pero non terán dereito a intervir e a falar durante o debate político.
En todo caso, Carmela Silva explicou que a Deputación Provincial non ten "nada que ver con Ence" e engadiu que nin concede licenzas nin autorizacións á actividade da empresa pasteira.
SOBRE A MOCIÓN REXEITADA DO PP
A presidenta provincial tamén fixo mención á moción presentada fóra de prazo polo Partido Popular sobre o achantamento da Abogacía do Estado en relación co xuízo aberto pola prórroga de Ence. Silva entende que o PP quere "facer ruído" con estas accións.
Explicou que os populares quixeron presentala por urxencia pero a proposta foi rexeitada ao entender que non había causa que o xustificara. Engadiu que a decisión da Abogacía do Estado coñeceuse o 14 de marzo, ao día seguinte o Partido Popular fixou a súa posición pero decidiu non presentar a moción malia coñecer que o día 18 pechábase o prazo de admisión.
Silva invitou aos populares a presentala na sesión plenaria de abril.