A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva acusou á Xunta de falta de previsión e de estar "de brazos cruzados" ante a seca que padece Galicia.
A mandataria socialista foi preguntada nunha rolda de prensa en Deputación pola manifestación convocada para o vindeiro domingo polo Concello de Ponte Caldelas para mostrar o seu rexeitamento á obra hidráulica prevista para bombear auga desde o río Verdugo ata o encoro de Eiras, nunha actuación de emerxencia para paliar as consecuencias da seca en Vigo. "Se eu respondo a isto o que estou a facer é quitarlle responsabilidade a quen a ten e tena a Xunta", contestou.
Carmela Silva lembrou que a Xunta "é a única competente nas cuestións de auga en alta" e sinalou que o goberno galego "acaba de demostrar unha vez máis que non programa con anterioridade a que xurdan os problemas".
A presidenta da Deputación indicou que "todas e todos sabiamos que o cambio climático tiña chegado e que a seca é unha realidade que chegou para quedar tamén" polo que se preguntou "que estaba a facer a Xunta mentres todas e todos sabiamos que isto ocorría? Que medidas tomou para que non houbese en toda Galicia un serio risco de dificultades coa auga?".
Carmela Silva quixo trasladar a súa "enorme preocupación por un goberno que está de brazos cruzados fronte aos grandes problemas da nosa terra" e que, segundo dixo, non atende os montes nin ten unha política forestal avanzada "temos seca e se despreocupa".
Ademais lembrou que a seca non só é un problema para o abastecemento humano "tamén para a nosa industria" e criticou que os responsables da Xunta "dan datos falsos, minten, pretenden que a responsabilidade recaia en quen non ten competencias" polo que pediu ao goberno galego que "en lugar de ser a inimiga dos alcaldes ten que ser a cómplice dos alcaldes".
Finalmente a presidenta da administración provincial pontevedresa destacou que o problema non está "en que os alcaldes reclamen atención" para non quedar sen auga ou para que se respecte ao medio ambiente, senón que "o problema está en que a Xunta de Galicia tiña que actuar fai cinco anos cando xa llo solicitou o alcalde de Vigo".
"Téñeno que arranxar e téñense que comprometer. Non poden dar patadas aos balóns para que queden no tellado, é a súa responsabilidade. Non hai nada máis importante que o abastecemento da auga. Que o señor Feijóo se poña mans á obra e fale cos alcaldes, é o mínimo", concluíu.