Carme da Silva, sobre a comisión de investigación que pide Rafa Domínguez: "é unha pataleta dun neno pijo mal criado"

Pontevedra
11 de febreiro 2021

A petición dunha comisión de investigación que promove o PP para revisar os contratos menores é unha reacción, segundo a concelleira nacionalista, á denuncia que o ilustrador Kiko da Silva realizou contra Domínguez por inxurias. Tanto o BNG como o PSOE lembran que todos os contratos municipais son de acceso público

Rafa Domínguez, portavoz do PP e Carme da Silva, concelleira do BNG
Rafa Domínguez, portavoz do PP e Carme da Silva, concelleira do BNG / Mónica Patxot
Carme da Silva entende que a reacción de Rafa Domínguez é unha "pataleta de neno pijo mal criado" /

Rafa Domínguez, portavos do Partido Popular de Pontevedra, solicitaba este xoves unha comisión de investigación dos contratos menores que realiza o BNG no Concello. Minutos máis tarde recibía a resposta por parte da concelleira de Festas Carme da Silva, que cualificou esta petición como "unha pataleta dun neno pijo mal criado".

A representante nacionalista sinala que se trata dunha reacción de alguén que pon por riba de todo a súa "vagancia" e lembrou que toda a documentación sobre os contratos que se realizan por parte do Concello de Pontevedra é pública a través da páxina web municipal.

Afirma que esta petición responde a un "emberrinchamento" do portavoz popular despois de que o ilustrador Kiko da Silvao demandara xudicialmente por difamalo. Carme da Silva asegurou que tanto o BNG como ela de maneira persoal aconselleran ao autor que non presentase esta denuncia: "Non te poñas ao seu nivel", foi o consello que lle transmitiu a concelleira ao debuxante.

Pola contra, Kiko da Silva presentou a demanda e iso provoca, segundo o BNG, esta resposta de petición dunha comisión investigadora. "O BNG non presentou ningunha denuncia. Demostra unha absoluta falta de criterio e demostra que lle dá a impresión que utilizar falsedades e difamar a persoas pode darlle rédito político, pero a sociedade é máis intelixente", argumentou a edil atacando a Rafa Domínguez.

Ademais lembrou que hai contratos do ano 2019 que se realizaron a través da concellería de Promoción Económica con determinados profesionais que Domínguez relaciona co BNG que foron asinados pola concelleira socialista Yoya Blanco.

Por último, tamén quixo indicar ao representante do PP que as comisións de investigación se desenvolven nos Parlamentos pola división de poderes entre o lexislativo e o executivo pero carecen de sentido nas administracións locais, xa que toda a documentación é facilitada aos grupos que forman parte da documentación e a contratación é pública.

O PSOE AFIRMA QUE O CONCELLO "É TRANSPARENTE"

Tampouco o socialista Tino Fernández se mostra moi favorable á creación desta comisión á que "non lle vexo moita utilidade" tendo en conta que toda a documentación relativa aos contratos municipais "é pública" e o PP pode consultala.

Aínda que prefire ser "prudente" e non "descalificar" esta proposta ata estudala "cun pouco máis de tempo", o tenente de alcalde defendeu que o Concello "é tan transparente" que a oposición pode "rebuscar e analizar canta documentación necesiten".