Carme da Silva, cabeza de lista do BNG por Pontevedra ao Congreso dos Deputados, mantivo un encontro con colectivos ecoloxistas, comunidades de montes e asociacións veciñais no Local Social do Gorgullón en Pontevedra para tratar as cuestións relacionadas coa instalación de parques eólicos nos montes da provincia.
A representante nacionalista afirma que é necesario parar o "timo verde" dos proxectos eólicos en Galicia e que a enerxía galega reverta en beneficio para a poboación de Galicia. Acusou o PP e o PSOE de utilizar o territorio como unha "colonia enerxética" de Madrid da man das empresas eléctricas.
Por este motivo, pediu o voto para o BNG coa intención de crear un grupo forte no Parlamento que permita frear o "espolio depredador" que pretende instalar 11.500 megawatts novos en terra de Galicia, cando na actualidade xa hai 4.000.
Da Silva sinala que a formación nacionalista loitará na Cámara Baixa para recuperar a exposición pública dos proxectos e a participación social, ademais de defender unha planificación das necesidades de enerxía que ten Galicia coa idea de que se reinvista o beneficio.