Pontevedra participou como convidada nunha xornada sobre a calidade do aire e a mobilidade sustentable organizada por Ecoloxistas en Acción en colaboración co concello de Valladolid.
Nela a tenente de alcalde, Carme da Silva, centrou a súa intervención sobre a experiencia de 'vinte anos de cambios na mobilidade'.
Da Silva defendeu a importancia de reducir o uso do coche e fomentar unha mobilidade máis natural, a pé ou en bicicleta, para mellorar o concepto de saúde pública.
Estas medidas teñen como resultado, segundo explicou a concelleira pontevedresa, unha mellora na calidade do aire, a redución de ruído nas cidades ou a redución da sinistralidade viaria.
Valladolid foi a primeira parada dun ciclo de visitas, conferencias, congresos ou xornadas de traballo nas que Pontevedra participará durante os meses de setembro e outubro.