Cáritas acode ao micromecenado para financiar as obras do albergue

Pontevedra
25 de maio 2021

Cáritas Interparroquial de Pontevedra fará un recoñecemento ao labor de todos aqueles traballadores, voluntarios e colaboradores que durante o último ano permitiron sacar adiante o labor social que esta entidade leva a cabo no municipio, mesmo nos peores momentos da crise sanitaria  

Feijóo visita as obras do albergue de Cáritas
Feijóo visita as obras do albergue de Cáritas / Ana Varela

Cáritas Interparroquial de Pontevedra informou que "continúan a bo ritmo" as obras do novo albergue para persoas sen fogar, na rúa Joaquín Costa, que supoñerán un desembolso próximo ao millón de euros. Para afrontar este investimento, vai presentar unha campaña de micromecenado, dirixida principalmente á cidadanía e tecido empresarial de Pontevedra e a súa comarca.

Será este xoves, 27 de maio, nun acto que terá lugar no auditorio do colexio Sagrado Corazón de Pontevedra, ás 18:00 horas.

Nesta cita Cáritas Interparroquial de Pontevedra fará un recoñecemento ao labor de todos aqueles traballadores, voluntarios e colaboradores que durante o último ano permitiron sacar adiante o labor social que esta entidade leva a cabo no municipio, mesmo nos peores momentos da crise sanitaria. 

"O 2020 foi un ano difícil, pero tamén todo un reto para a labor de Cáritas", explica Concepción Vázquez, directora da Interparroquial de Pontevedra, lembrando que en ningún momento pecháronse as portas desta entidade, manténdose sempre a "acollida, atención e acompañamento das persoas máis vulnerables neste novo escenario", tanto desde a Interparroquial, como en cada unha das Cáritas parroquiais.

Prosegue Vázquez  Val sinalando que "sempre tivemos claro que, gardando as precaucións e directrices marcadas polas autoridades sanitarias, urxía estar máis pendentes ca nunca das situacións precarias nas que se ían atopar moitas familias", ideando novas fórmulas mediante as cales adaptarse ás novas circunstancias, "grazas á xenerosidade de moitas persoas e entidades e ao ofrecemento voluntario de moitas outras". 

BALANCE DO ANO 2020

Durante o devandito evento aproveitarase para facer balance de 2020, un ano que Cáritas Interparroquial de Pontevedra pecha con 995 atencións directas (para alimentos, comedor e material escolar, bolsa de emprego, vales de Arroupa, repartición de cueiros, óptica, transporte, vivenda e outras subministracións). 

Por proxectos, a vivenda de acollida persoal deu teito a 12 familias, en tanto que as  microhortas de Lérez facilitaron cultivos de autoconsumo a 10 familias. Igualmente, prestouse asesoría legal a 10 persoas.

Como matiz, a estas cifras, relativas a Cáritas Interparroquial, débese engadir a atención desenvolvida directamente polas vinte Cáritas parroquiais adscritas a ela e que, grazas ao traballo desenvolvido por preto de 70 voluntarios, supón o apoio a máis de 400 familias dentro do ámbito urbano e rural de Pontevedra. 

Pero desde Cáritas puntualízase que, máis aló de resumir un ano en simples números, é crucial valorar a calidade destas intervencións, así como a calidez humana do equipo que as pon en práctica.

Neste acto tamén se dará a coñecer a nova web, que pretende converterse nunha xanela interactiva dos servizos e campañas anuais de Cáritas Interparroquial. Nesta páxina iranse colgando aquelas noticias de interese sobre Cáritas, explicaranse as distintas maneiras que existen para colaborar con este colectivo ou a vía de contacto a fin de demandar determinadas axudas ou servizos.