Cáritas Interparroquial de Pontevedra celebraba este xoves no auditorio do colexio Sagrado Corazón un acto para recoñecer o labor dos seus traballadores, voluntarios e colaboradores durante os difíciles tempos da pandemia.
Dentro dos agradecementos, houbo mención especial a todas as empresas, asociacións e persoal que conseguiron que se poida construír o Albergue de San Javier, situado na rúa Joaquín Costa, por detrás do Hospital Provincial de Pontevedra.
Precisamente nesta xornada Cáritas pon en marcha unha campaña de micromecenado para completar as obras deste novo albergue para persoas sen fogar, á que se pode acceder a través da recentemente estreada: www.caritaspontevedra.es.
A entidade relixiosa lembra que só en España case 40.000 persoas dormen sen un teito.
"O novo albergue para persoas sen fogar empezou a facerse realidade no mes de outubro. Nel temos postas moitas esperanzas, pois será un único edificio onde se poida acoller o centro de atención primaria, o roupeiro, o albergue (cun aumento do número de prazas, incluíndo tamén para mulleres) e o punto de encontro para persoas sen fogar. Isto vai facer posible unha atención máis digna ás persoas, que é o obxectivo fundamental de Cáritas", manifestaba a directora de Cáritas Interparroquial de Pontevedra, Concepción Vázquez Val, na súa intervención.
Pola súa banda, María Dolores Virel Tobío, secretaria de Cáritas Interparroquial de Pontevedra, fixo unha relación de todos os colectivos, empresas, institucións, profesionais e persoas voluntarias que axudaron a que a actividade da entidade se mantivese durante os meses máis complicados da pandemia, entre eles, o Banco de Alimentos "que abastece a muchas de nuestras parroquias" ou "Protección Civil por su apoyo en los tiempos del confinamiento".
"Queremos agradecer la fidelidad de los más de 200 socios, a los colaboradores anónimos, entre ellos, un preso de A Lama, a los donantes en especie y a todos los fieles que cada primer domingo de mes depositan su donativo en la bolsa de la colecta parroquial", apuntaba Virel Tobío, á vez que recoñecía a todas as institucións e empresas que seguen apoiando as obras do novo albergue.