O campus de Pontevedra conta con sesenta novas árbores que crecerán nos seus terreos. O alumnado do IES A Xunqueira II realizou esta plantación durante a mañá do xoves 31 como parte do programa Naturézate da Xunta de Galicia, cuxo obxectivo é poñer en contacto aos escolares cos espazos naturais protexidos da comunidade.
Cargados con bidueiros e carballos facilitados polo goberno autonómico, os estudantes do grupo de primeiro curso de educación secundaria saíron das aulas emocionados por realizar o labor equipados con sachos e anciños. Estaban coordinados por dúas mestras, que foron testemuñas do seu entusiasmo a pesar de que "hai que ordenalos porque traballan de maneira un pouco caótica".
A mocidade participante xa estivera presente en charlas previas sobre espazos naturais, mediante as cales se facilita a súa concienciación para o seguimento que realizarán das especies plantadas ao longo do curso.
Coa vantaxe de ter o centro educativo enfronte do arboredo, grazas á colaboración do Green Campus, o estudantado visitará con frecuencia a área a fin de comprobar o progreso das especies plantadas.
A vicedirectora, María de La O de Paz, destacou a importancia de que desde a adolescencia se aprenda a respectar o medio ambiente e estar en contacto coa natureza a través de proxectos coma este.