O Concello de Cerdedo-Cotobade vai despedir a súa programación de Entroido 2018 esta fin de semana coa celebración do tradicional Domingo de Piñata no pavillón municipal de Carballedo, que acollerá os concursos de disfraces infantil e de adultos e moitas outras actividades lúdicas e de lecer, especialmente para a rapazada. Esta festa comezará ás 17.00 horas e prolongarase durante toda a tarde.
O Domingo de Piñata abrirá as súas actividades co certame para cativos e, xa desde as 18.00 horas, celebrará o de adultos. Ademais, están programadas diversas iniciativas de animación, como a presenza dunha discoteca móbil con máquinas de pompas de xabón, dous inchables de grandes dimensións, a celebración dun obradoiro de maquillaxe e, xa para pechar a xornada sobre as 19.30 horas, unha exhibición de zumba a cargo de Adriana García.
Os concursos do Domingo de Piñata repartirán un total de 875 euros en premios, con 150 para o mellor grupo infantil, 75 para a mellor parella e 50 para o gañador individual e 300 para os vencedores de grupo de adultos, 150 para a parella triunfadora nesta categoría e 100 para o individual. Así mesmo, haberá un premio especial de 50 euros para a categoría de choqueiro, que ten que ser un disfraz realizado con trapos, teas e roupas vellas e na que punturá sobre todo a actuación realizada no escenario.
Finalmente, a xornada estará animada por tres comparsas, conformadas por grandes grupos de xente disfrazada con alomenos 16 integrantes, que farán as delicias dos centos de asistentes coas súas carrozas e impulsando o típico ambiente de Entroido.