Con disfraces tradicionais baseados nos estudos etnográficos de Antonio Fraguas, autor homenaxeado coas Letras Galegas 2019. Así participaron os veciños de sete parroquias de Cerdedo-Cotobade no tradicional Domingo de Piñata de Carballedo que, nesta ocasión, quixo ter un recordo especial para un dos seus veciños máis ilustres.
Así, veciños de Carballedo, Valongo, Almofrei, Caroi, Borela, Rebordelo e Vilanova, xunto con membros das escolas deportivas, recrearon disfraces e carrozas recollidas polo escritor cotobadés no seu libro "Do Entroido", publicado en 1994.
En total, centos de persoas participaron nesta festa de Entroido que acolleu o pavillón de Carballedo, onde houbo concursos de disfraces, inchables para os nenos ou diversas actuacións musicais.
A xornada incluíu ademais unha degustación de orellas, chulas e vinchas no comedor do colexio público da parroquia.