Xa está lista a ordenanza que regulará o proceso de adxudicación das catro vivendas sociais municipais de Carballedo, que se ofertarán en réxime de alugueiro social. O documento estará a exposición pública durante os próximos quince días.
A intención do equipo de goberno é que, unha vez transcorrido o proceso de consulta pública, se aproben estes criterios e iniciar o procedemento para que se poidan acoller aquelas familias que teñan problemas económicos para poder acceder a unha vivenda digna.
Esta iniciativa consistente na rehabilitación do antigo centro médico de Carballedo para convertelo nun edificio de catro vivendas sociais, dúas de 126 metros cadrados e outras dúas de 73 metros cadrados, supuxo un investimento de 500.000 euros.
A ordenanza recolle que poderán solicitar unha vivenda de ocupación temporal social as persoas físicas, para si ou para a súa unidade familiar, que, pola súa situación ou polos seus escasos recursos, non poidan acceder a unha vivenda a prezo de mercado.
Entre outros requisitos, os solicitantes deberán ser maiores de idade ou acreditar a residencia legal, efectiva e continuada en Cerdedo-Cotobade, polo menos, un ano antes da solicitude.
Ademais, o solicitante ou calquera outro membro da unidade familiar non pode ser titular dunha vivenda en réxime de propiedade de pleno dominio ou dun dereito real de uso ou goce sobre outra vivenda en todo o territorio nacional.
Este último condicionante non será de aplicación no caso de sentenza xudicial de separación ou divorcio cando como consecuencia deste non se lle adxudicara o uso da residencia familiar ou se son vivendas non axeitadas, neste caso, acreditado por un informe de servizos sociais.
Tamén se deberá acreditar por parte da unidade familiar que non se superan os ingresos máximos establecidos nesta ordenanza, é dicir, que os ingresos ponderados anuais totais non superen o valor do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM).
Quedarán excluídas as que dispoñan de ingresos bancarios superiores aos 12.000 euros e, polo outro lado, os que nos acrediten ter ingresos anuais netos mínimos de 3.000 euros.