Carballedo aspira a ser unha referencia europea no coidado de aves, réptiles e mamíferos

Cerdedo-Cotobade
28 de abril 2017

Dous inmobles independentes formarán o futuro centro autonómico de recuperación de fauna salvaxe que a Xunta de Galicia prevé construír en Carballedo ao longo deste ano. Así se recolle no proxecto recibido polo Concello de Cerdedo-Cotobade

Plano do futuro centro de recuperación de fauna salvaxe de Carballedo
Plano do futuro centro de recuperación de fauna salvaxe de Carballedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

Dous inmobles independentes formarán o futuro centro autonómico de recuperación de fauna salvaxe que a Xunta de Galicia prevé construír en Carballedo ao longo deste ano. Así se recolle no proxecto recibido polo Concello de Cerdedo-Cotobade.

O centro, que se situará nunha parcela na marxe esquerda da estrada PO-233 en dirección a Carballedo xusto fronte á piscifactoría da Xunta, pretende ser unha referencia europea no coidado dos animais. Dedicarase á recuperación de aves, réptiles e mamíferos.

Os dous edificios disporán conxuntamente de 840 metros cadrados.

O primeiro terá 286 metros distribuídos en dúas plantas. Será para recepción, tratamento e atención veterinaria dos animais. Para elo, terá salas de recepción, cociña, oficinas, consulta, raios X, tres UCI para mamíferos, aves e infecciosos, unha sala para crías e outra para especies exóticas. Na primeira planta deste módulo haberá vestiarios e dependencias para o persoal.

O segundo inmoble, que alcanzará os 554 metros cadrados e se presenta como un módulo de recuperación, disporá de catro cámaras de voos, dúas de mamíferos, azoreiras, espazos para aves nocturnas e cámara de necropsia, así como almacéns e salas de alimentos.

Todas as instalacións estarán dotadas, segundo a Consellería de Medio Ambiente, dun equipamento de vangarda.

O centro autonómico está a afrontar na actualidade a fase final do proceso de licitación despois de que a Consellería de Medio Ambiente abrira a súa contratación a comezos do mes de febreiro por un importe duns 700.000 euros.

En principio agárdase que o concurso se resolva nas vindeiras semanas para comezar de inmediato coa construción deste complexo.

O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, valorou moi positivamente o proxecto pola súa ambición e o bo posicionamento que terá no ámbito europeo e anunciou que acaba de solicitar á Conservación da Natureza a creación neste recinto dunha aula de educación ambiental para aproveitar as instalacións favorecendo a formación dos cativos.