O Concello de Cerdedo-Cotobade vai celebrar esta fin de semana un novidoso Entroido Antonio Fraguas, que servirá como unha nova homenaxe ao persoeiro protagonista das Letras Galegas 2019, coa evocación de oito parroquias aos disfraces tradicionais e ás costumes desta festa recollidas polo Fillo Predilecto nos seus traballos etnográficos sobre esta celebración.
Este evento vaise celebrar no marco do tradicional Domingo de Piñata, programado para esta fin de semana en Carballedo en horario de tarde.
A veciñanza de Carballedo, Valongo, Almofrei, Caroi, Borela, Rebordelo e Vilanova, xunto con membros das escolas deportivas, participaron nas últimas semanas en obradoiros de confección de disfraces e de carrozas recollidas polo escritor cotobadés no seu libro "Do Entroido", publicado en 1994.
O Entroido de Carballedo terá lugar este domingo 10 de marzo, a partires das 16.00 horas, co habitual pasarrúas entre a Praza da Chan e o pavillón municipal. No mesmo desfilarán as carrozas e disfraces do Entroido Antonio Fraguas e tamén os participantes no posterior concurso de disfraces, que repartirá premios en varias categorías.
A xornada completarase con inchables e xogos para os nenos, animación musical e servizo de bar e, como remate, unha degustación gratuíta de postres típicos do Entroido, como vincha, chulas e orellas, que terá lugar no comedor escolar do CEIP de Carballedo.