Capitol e París de Noia animaron Poio no peche das Festas da San Xoán

Poio
27 de xuño 2022

Durante estas festas patronais non se rexistraron incidencias de gravidade e estiveron marcadas polas inclemencias meteorolóxicas durante esta última fin de semana de xuño

Fin das Festas de San Xoán 2022
Fin das Festas de San Xoán 2022 / Concello de Poio

As orquestras Capitol e París de Noia pechaban a programación das Festas de San Xoán en Poio nesta última fin de semana de xuño. As inclemencias meteorolóxicas durante os últimos días non evitaron que o público se achegara ata a chaira da Seca coa intención de gozar deste retorno festivo multitudinario tan esperado.

A choiva obrigou a suspender a tirada de fogos artificiais por decisión da organización, que traslada este lanzamento pirotécnico ao 24 de setembro, con motivo da celebración das Festas da Mercé.

A música e o baile con luz e cor lograron animar aos centos de asistentes de todas as idades que vibraron con temas actuais e tamén con éxitos do repertorio clásico destas coñecidas orquestras.

Segundo indica Protección Civil de Poio durante esta última xornada das festas dez persoas voluntarias realizaron labores de colaboración cidadá no recinto sen que se rexistrasen incidencias de gravidade.