Canto gastaron as administracións galegas en La Vuelta ciclista a España? O deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) no Parlamento de Galicia, Juan Fajardo, está decidido a buscar la resposta a esta pregunta polo que pedirá explicacións ao presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, aproveitando a súa comparecencia na Cámara galega a próxima semana.
Fajardo avanzou esta intención durante a reunión deste xoves da Comisión de Medio Ambiente do Parlamento galego na que preguntou ao presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, polo gasto que este ente público destinou ao evento deportivo.
"Por un mero elemento de transparencia queremos que a xente coñeza este dato, sobre todo cando co pretexto da crise se deixa de invertir en cousas prioritarias", argumentou Fajardo "se só se dan datos dun suposto retorno, que é indemostrable, pero non se dan datos do custo real desa decisión, estamos furtando a cidadanía dun elemento fundamental para saber se pagou a pena", dixo "que poñan ás facturas enriba da mesa".
Durán respondeu que nin Portos de Galicia nin a Consellería de Mar e Medio Rural destinaron "aportación económica algunha" para La Vuelta Ciclista a España "nin se fixo ningunha obra non porto de Vilanova de Arousa para este efecto". O deputado de AGE mostrouse contrariado por esta resposta e preguntou que "como é posible que non teña custo para o Ente Público cando os empregados aportaron o seu traballo para iso. Ou é que o traballo non ten custo? ".
Juan Fajardo apuntou que os responsables públicos deberían de explicar "como se puideron gastar 26.000 euros en tres comidas, que Publicidade e Protocolo se levasen 300.000 euros, como para acceder a Monte Lobeira se gastaron 304.000 euros" e engadiu outros gastos como 120.000 euros na mascota, en resumo un custo que o deputado situou en catro millóns de euros para un retorno estimado en 1,4.