Cantando as corenta para favorecer o envellecemento activo dos maiores

Pontevedra
27 de outubro 2024

Arredor de 140 persoas participaron na primeira edición do campionato de cartas Cidade de Pontevedra de Benestar Social. Os xogos estrela da competición foron a brisca e o tute

Participantes na primeira edición do campionato de cartas Cidade de Pontevedra
Participantes na primeira edición do campionato de cartas Cidade de Pontevedra / Cristina Saiz

Mucha ten 93 anos. É veciña de Cons, en Mourente. Ela foi a participante máis veterana na primeira edición do campionato de cartas que organizou o departamento municipal de Benestar Social entre os maiores dunha ducia de parroquias e barrios da cidade.

Pero non só iso. Facendo parella xunto coa súa amiga e veciña Lolita demostrou ter man para as cartas. Ambas foron as gañadoras do torneo de brisca, o preferido entre os participantes. Máis de 37% de todas as persoas inscritas optaron por este xogo, 37 mulleres e 15 homes.

Será que en Cons gusta moito este xogo porque as outras finalistas foron Fina e Marga, dúas mulleres que tamén residen neste mesmo lugar

En total, 139 persoas -79 mulleres e 60 homes- non quixeron perderse esta cita lúdica, que se celebrou durante toda a fin de semana na Cova dos Libros, o espazo de lectura do Pazo da Cultura de Pontevedra.

Tamén tivo moita afluencia o torneo de tute, no que participaron 42 persoas e onde a paridade foi absoluta, con 21 mulleres e 21 homes. Neste caso, os gañadores foron Luís e José Benito, veciños da Canicouva; que se impuxeron a Manuel e José, de Santo André de Xeve.

No terceiro dos xogos en parella, a escoba, as triunfadoras foron dúas veciñas de Salcedo, Marina e Lidia; que se impuxeron a Laura e Marcos, participantes que viñan desde Bora.

Este primeiro campionato de cartas Cidade de Pontevedra incluíu tamén un torneo individual, que foi o que estivo reservado para o xogo de chinchón.

Nel, o gañador foi o representante da parroquia de Tomeza, Jesús; mentres que o segundo posto foi para Fina, xogadora de Cerponzóns.

Os gañadores da cada un dos xogos levaron para casa unha cesta-gourmet xunto co seu trofeo, e o resto dos finalistas unha medalla.

Este campionato de cartas forma parte do programa de actividades a prol do envellecemento activo e a dinamización social das parroquias e barrios que impulsa a concellería de Benestar Social e naceu con vontade de continuidade no tempo.

Todos os participantes tiñan máis de 60 anos. Nas distintas eliminatorias, os participantes tiveron que poñer enriba da mesa destrezas como a atención, a memoria, a estratexia, a interpretación da linguaxe non verbal ou a astucia.

En Pontevedra viven 24.598 persoas maiores de 60 anos -14.689 mulleres e 9.909 homes-, unha cifra que supón case o 30% do censo municipal.