Cans en pánico e veciños preocupados polos disparos do CGTD

Pontevedra
05 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Un grupo de veciños das rúas próximas ás pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra denuncia en PontevedraViva o medo extremo que provoca nos seus cans o ruído dos pistoletazos de saída das competicións de atletismo que se celebran no recinto deportivo

Grupo de veciños que denuncia as consecuencias do ruído dos disparos das competicións do CGTD nos seus cans
Grupo de veciños que denuncia as consecuencias do ruído dos disparos das competicións do CGTD nos seus cans

"Gunter, o alemán, facía o xesto do disparo para explicar por que se escapou a súa cadela Molly", comenta un grupo de veciños reunidos na zona verde situada entre o Camiño Vello de Castela e as pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (CGTD). Coinciden en afirmar que "aos nosos cans pásalles o mesmo, entran en pánico" cando hai unha competición de atletismo no recinto deportivo. 

Este é o arranque dunha conversa para a que convocan a PontevedraViva. Queren denunciar o medo extremo que provoca nos seus cans o ruído dos pistoletazos de saída das carreiras de atletismo que se celebran as fins de semana no recinto deportivo.

Héctor Rodríguez, residente na rúa Camiño Vello de Castela, foi o organizador desta "quedada". Conta a súa experiencia con Rima, de 2 anos e 8 meses, á que "atoparon cun mes tirada no lixo, non sabemos o que lle puideron facer, pero si que é unha cadela moi medorenta". Temores que se intensifican cando se produce un ruído forte.

"A última fin de semana que houbo competición, ao cuarto ou quinto disparo, tívenma que levar de casa á Illa dás Esculturas, tentei tranquilizala pero foi imposible, asústase unha chea, hai medos que xa vexo inviable quitarllos, e entre eles os disparos do CGTD", expón Rodríguez. Durante as crises, "empeza a resollar, a babexar, nótaslle o pulso a mil", unha reacción que se repite con tormenta ou fogos das festas. 

Héctor asume que nestes dous últimos casos debe convivir con eles, pero no que se refire aos disparos, a súa intención é que esta denuncia pública poida chegar aos dirixentes deportivos e atopar medios alternativos, con menor impacto sonoro

Comparte esta demanda Susana Díaz, acompañada do seu can Zuko, de 8 anos. "Cando soa o primeiro disparo, temos que pechar a dobre xanela completamente, faga os graos que faga. Un día, ademais das televisións a todo volume, tiven que poñer a aspiradora para que o can estivese tranquilo. Empeza a tremer, corre ao cuarto de baño e métese detrás do lavabo. É imposible sacalo de casa, pode pasarse todo o día sen facer as súas necesidades". 

O relato repítese con Esperanza Abraldes e o seu can Bimbo "que vai cumprir 14 anos en agosto e ten o corazón mal". Asegura que leva máis dunha década sufrindo co estrondo das balas de fogueo na súa vivenda da rúa José Malvar. "Dende cachorro ten medo, se me despisto e nese momento vou pola rúa con el solto, sae correndo. En casa tento tranquilizalo, pecho as xanelas, pero ata que non acaba o ruído non se calma", insiste.

Más complicada se cabe é a situación de Mari Rivas, con catro cans adoptados que "veñen de malos tratos, con historias complicadas". Explica que "Rumanita (12 anos) é a que peor o pasa, métese nas esquinas; tamén ten bastante medo Lola (14 anos); Puki (4 anos) nótao menos; e Gominola (18 anos) está xordiña e non se decata". 

De igual modo, o pánico apodérase dos catro gatos que tamén adoptou. "Teñen moitísimo medo, cada vez que soa o disparo saen espavorecidos. O mesmo pásalles aos gatiños da colonia que está máis preto do CGTD, na rúa Ernestina Otero", asente Mari en calidade de voluntaria da asociación protectora de animais Difusión Felina, con once colonias ao seu cargo. 

"Non só é o momento do disparo, senón que ao can váiselle crear un medo que non tiña e vai desenvolver outros medos"

Macarena Gavieiro comparece coa súa cadela Tula, de 4 anos, e con Alba Rodríguez, quen ten a Menta, dun ano, ao seu cargo. Ambas as cadelas proceden da protectora de Alba, que expón que a maioría dos cans que son adoptados comparten este medo. "Non só é o momento do disparo, senón que ao can váiselle crear un medo que non tiña e vai desenvolver outros medos. Tes que pasar un traballo porque son cans que veñen con traumas para que, aínda por riba, xusto enfronte da túa casa teñas un sitio onde lle van a crear máis trauma".

Macarena subscribe este argumento. "O que custou que Tula camiñase pola rúa, e cando xa se estaba soltando, a primeira competición que houbo, o primeiro disparo, que xusto estabamos a pasear por aquí, entrou en pánico e bloqueouse completamente". Vive na rúa Fernando Olmedo, outra das perimetrais coas pistas do CGTD. "Eu pensaba que eran os seus traumas, pero falando cun veciño que a súa cadela non é medorenta, tamén me dixo que cos disparos ponse mala". 

É o caso de Hulk, o can de 10 anos de Gloria Tato. Esta veciña do barrio de San Antoniño indica que "estivo sempre moi coidado, non ten traumas pero, con todo, si se asusta moito cos ruídos fortes". A pesar de residir dúas rúas máis arriba do centro deportivo, as xanelas traseiras da súa vivenda miran cara ás pistas de atletismo. "Cando soa o disparo, Hulk corre á bañeira, póñolle unhas toallas debaixo para illalo do frío e a súa manta enriba, alí queda mal polo menos unha hora".

RESPOSTA DO CGTD

Este medio púxose en contacto con Jesús López, o director do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, quen se mostraba moi receptivo cos problemas que o estrondo dos disparos está a provocar entre os veciños da contorna das pistas de atletismo. "É a primeira noticia que teño, non sabía nada", respondía con ton preocupado.

Nas competicións federadas o regulamento establece que o "pistoletazo" é obrigatorio

López argumentaba que nas competicións federadas o regulamento establece que o "pistoletazo" é obrigatorio porque está conectado coa cámara finish e o mesmo disparo activa o cronómetro. En todo caso, comprometeuse a pescudar se pode existir unha alternativa.

Deste xeito, trasladou a pesquisa ao delegado da Federación Galega de Atletismo en Pontevedra, David Ferrer. Grazas a esta consulta, o director do CGTD confirmaba en primicia a PontevedraViva que a partir do próximo mes de xuño o pesadelo dos sonoros disparos chegará ao seu fin

En concreto, alega Jesús López, "o 19 de xuño celébrase o Campionato de España Junior por Autonomías Sub-16 e xa está autorizada a compra para o CGTD de material novo, que se estreará nesa competición: un vídeo finish con sistema de apertura de competición con pistola eléctrica, menos ruidosa", e que substituirá á actual pistola de fogueo. Este sistema será subministrado por Mondo, a compañía que dota de equipamentos deportivos aos principais estadios de atletismo e que é patrocinadora oficial dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024.