Cangas premia o modelo urbano de Pontevedra: "É un orgullo que sexa na casa", di Lores

Pontevedra
20 de setembro 2019

Pontevedra suma un novo recoñecemento ao seu modelo urbano pero, desta volta, o premio non chega alén dos mares senón de moito máis preto. O Concello de Cangas vén de premiar á Boa Vila polo traballo realizado en seguridade viaria e mobilidade urbana sustentable

Pontevedra recibe en Cangas un premio polo seu modelo urbano
Pontevedra recibe en Cangas un premio polo seu modelo urbano / Concello de Pontevedra

Pontevedra suma un novo recoñecemento ao seu modelo urbano pero, desta volta, o premio non chega alén dos mares senón de moito máis preto. O Concello de Cangas vén de premiar á Boa Vila polo traballo realizado en seguridade viaria e mobilidade urbana sustentable.

"Recibimos premios en case todos os continentes do mundo pero este énchenos de orgullo porque é un premio que nos dan na casa e na casa non é doado que che dean premios", afirmou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que acudiu a Cangas a recibir o galardón.

O alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, lembrou que "cando cheguei a Pontevedra para estudar Maxisterio, hai moitos anos, era unha cidade invivible" e comparouna coa situación actual, na que é referencia de cidade amable e acolledora.

"O modelo de Pontevedra é unha referencia para nós e nesa loita estamos, na que acadar espazos compatibles para os coches e para as persoas e, sobre todo, para a rapazada", engadiu o rexedor.

O alcalde de Pontevedra agradeceu a distinción, que foi aprobada polo goberno municipal de Cangas con motivo da Semana Europea da Mobilidade, e explicou que "o máis importante do noso modelo de cidade é que o fixemos posible nós, os galegos, desde Pontevedra, que non veu ninguén de fóra a dicirnos como se facía, e agora somos referencia".

Fernández Lores tamén inscribiu o traballo realizado nestes 20 anos "no amor ao país e en querer facer cousas polo país e ese amor demóstrase traballando na mellora da calidade de vida da xente".

Na súa intervención, o alcalde animou ao seu homólogo cangués a traballar na liña da recuperación dos espazos públicos "porque os concellos temos moi poucas competencias, pero entre as que temos están precisamente as de espazos públicos e mobilidade".

Asegurou que calmar o tráfico e recuperar os espazos públicos "vale a pena" e que ademais é percibido "moi positivament"e pola cidadanía. "Eu do que estou máis satisfeito é desa sensación perceptible nas pontevedresas e nos pontevedreses que se ve que están orgullosos da súa cidade", afirmou Lores.

O intendente da Policía Local, Daniel Macenlle, tamén foi recoñecido polo seu traballo. No seu caso, recolleu a distinción de mans da alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, en calidade de veciño desta localidade do Morrazo e tamén como lembranza aos seus inicios profesionais como xefe da Policía Local desta vila.

Na súa quenda de palabra, asegurou ser "un privilexiado que traballa para a mellor empresa do mundo: a colectividade" e destacou que "se pos á xente no centro da túa actividade todo é moito máis doado".

O responsable da Policía Local de Pontevedra fixo unha defensa da recuperación dos espazos públicos priorizando as persoas e agradeceulle ao goberno municipal de Pontevedra "que me deran a oportunidade de subirme a este carro" e que lle concedan "a honra de representar a Pontevedra para explicar o modelo da cidade" en distintos foros e xornadas.