"Cando o feminismo avanza, non deixa a ninguén atrás"

Pontevedra
26 de febreiro 2024

Antes do inicio do pleno municipal a corporación asistiu á lectura do manifesto polo Día Internacional da Muller. O Concello de Pontevedra tomou o acordo de que o manifesto fora elaborado polo Consello da Muller Nova, e este ano foi a súa autora quen o leu: Martiña Alexandra Riobó Touriño, alumna e presidenta do equipo de igualdade do IES Valle Inclán

Lectura do manifesto polo Día da Muller
Lectura do manifesto polo Día da Muller / Mónica Patxot

Antes do inicio do pleno municipal a corporación asistiu á lectura do manifesto polo Día Internacional da Muller. 

O Concello de Pontevedra tomou o acordo de que o manifesto fora elaborado polo Consello da Muller Nova, e este ano foi a súa autora quen o leu: Martiña Alexandra Riobó Touriño, alumna e presidenta do equipo de igualdade do IES Valle Inclán. A proposta é que sexan os consellos dos distintos institutos os que vaian elaborando os manifestos cada ano. 

A declaración deste ano comezaba sinalando que "é importante que escoitedes a nosa voz, porque ademais de ser o futuro, habitamos xa o presente".

O Consello da Muller Nova asegura que "estamos cansas de escoitar cousas como: O feminismo está a ir moi lonxe. Como vou ser machista, se teño nai e irmás?; sodes unhas feminazis; nin machismo nin feminismo, igualdade. Non entendemos que se nos quere dicir con iso". 

Martiña lembrou que o feminismo, segundo o dicionario da Real Academia Galega, é a doutrina que defende a igualdade de dereitos entre os homes e as mulleres. Tamén di este dicionario que o machismo é a ideoloxía, comportamento ou actitude que defende a supremacía dos homes e non acepta esa igualdade. "De verdade, creedes que son equiparables machismo e feminismo? Non vos parece que sería como equiparar ditadura e democracia, prisión e liberdade?", pregunta o manifesto. 

"Feminismo é liberdade, e tamén posibilita aos mozos mostrarse como son, coa súa sensibilidade ou os seus propios gustos e non os que dita o patriarcado. Cando o feminismo avanza, non deixa a ninguén atrás", asegura esta declaración institucional. 

"Hai aínda demasiadas persoas que din que as mulleres xa temos dereitos dabondo e que nos estamos pasando con tanta reivindicación, que estamos en todas partes, que as cotas van contra os homes e agora somos nós as que queremos ser superiores" pero, engade o texto de Riobó Touriño "esas mesmas persoas tamén admiten que as mulleres pasan o dobre de tempo que os homes coidando da familia. Que nós temos máis problemas para atopar traballo. Que temos a liña de saída máis lonxe só con nacer muller. Todo iso mostraría que estamos máis lonxe de lograr a igualdade real". 

O manifesto tamén se pregunta que se xa existise a igualdade, "como se explica que pese máis a palabra dun home que a dunha muller? Por que nos temos que traballar o triplo para demostrar que somos válidas? Por que as xefaturas son ocupadas maioritariamente por eles, mentres que as tarefas de coidados e dos servizos domésticos realízanas nomeadamente mulleres? Por que ás que loitamos por equiparar as cousas seguen chamándonos feminazis?"

"Por que se unha moza sae con varias persoas é insultada mentres se o fan eles só recibe afagos? Por que nós volvemos a casa de noite con medo, coas chaves nunha man e o teléfono noutra, mentres os nosos compañeiros camiñan tranquilos? Se hai igualdade, por que seguimos sendo acosadas no traballo, na discoteca, na rúa e temos que soportar case a diario os comentarios e o comportamentos sexistas?", engade.

E xa para finalizar o manifesto conclúe sinalando que "o feminismo é algo bo. As persoas feministas queremos a igualdade para todas, todos e todes. Queremos que non se xulgue a ninguén polo xénero con que se identifique e abolir os roles predefinidos para que ninguén teña que renunciar a quen é en realidade. Por iso, non admitiremos ningún paso atrás. É máis, debemos seguir dando pasos. Como fixeron no seu momento as nosas avoas, seguen facendo as nosas nais e faremos nós de aquí en diante. Mentres non haxa igualdade real, haberá loita feminista".

Arquivado en