Este ano é o vixésimo aniversario do intercambio lingüístico entre o colexio Froebel e a Scuola Cavour de Catania. Cúmprense vinte anos de aventuras, experiencias, amizades e aprendizaxe. Vinte anos da creación dunha comunidade que aumenta cada día
Para celebrar o aniversario, o colexio abriu un apartado na súa páxina web, Bitácora dunha aventura, dende o que toda a comunidade educativa implicada (docentes, pais/nais e alumnado) pode subir arquivos da súa experiencia a dúas plataformas e reunir tantas vivencias como compartiron.
Catro dos seus participantes directos dende o CEIP Plurilingüe Froebel, aportaron as súas experiencias e vivencias arredor do intercambio: a antiga directora, Mº Teresa Couto Nogueira, responsable do nacemento desta viaxe de experiencias e continuadora durante 15 anos máis; Manuel Carpinteiro Vázquez, actual director e responsable do proxecto, e dous dos pais que participaron, tanto a través dos seus fillos como a través da acollida de nenos italianos, Ángeles Fernández Estévez e José Bernardo Vázquez García.
A antiga directora quere deixar patente dende o principio a diferenza entre unha mera excursión ou viaxe, e o espírito do intercambio. En canto a este, os propósitos que encerra son a creación dunha comunidade e unhas experiencias que teñan transcendencia no tempo: a aprendizaxe en linguas, pero tamén en valores como a aceptación ou a tolerancia, a convivencia con outras culturasdende o respecto e o cariño.
O proxecto comezou no ano 1998, no seo da recente Comunidade Europea, con todas as portas abertas e as ilusións dos comezos. Neste contexto, e tras unha longa experiencia en traballar con proxectos europeos de distinta índole, naceu unha profunda amizade, á que o intercambio lle debe a vida. A amizade entre Mº Teresa Couto e Concheta Bufardeci, cónsul honoraria de España en Catania, que proliferou da chegada da segunda co fin de observar o funcionamentos das experiencias pedagóxicas que se daban nesta comunidade.
Desta visita, Concheta levouse o seu amor por Pontevedra e o contacto cunha docente con ideas moi afíns en canto ao seu ideario do colexio por referencia, Mº Teresa Couto. Nese mesmo momento, como axuda vida do ceo, a Consellería de Educación publicou unha convocatoria de intercambios lingüísticos para alumnado de último curso de primaria, sendo os existentes ata o momento para maiores de 14 anos.
En palabras da mesma Mº Teresa, “existía agora a posibilidade de manter contacto con outra escola arredor dun proxecto que supoñía a aprendizaxe de linguas pero tamén traballar valores, tolerancia, convivencia..”.
O fin último do mesmo, coñecerse mutuamente. E así foi, arredor da iniciativa creouse unha comunidade que perduraría no tempo. Concetta Bufardeci, residente en Catania, presentoulle á antiga directora do Froebel a un docente co que compartiría a visión sobre o tipo de escola que desexaban crear e no que lle querían transmitir aos alumnos, Santo Ligresti, antigo director da Scuola Cavour de Catania.
Nacía así a experiencia que se mantén na actualidade, que no primeiro ano apenas contaba con acollidas en fogares, hospedándose en hotel case todos os alumnos. A partir de aí, foi evolucionando, traballando con distintos proxectos que se desenvolvían cada ano arredor de diferentes temas.
Trátase, en palabras dos seus responsables, dunha iniciativa comunitaria, pois sen o apoio da comunidade educativa, resultaría imposible. Toda a comunidade escolar traballando pola existencia deste contacto, desta posibilidade de enriquecerse doutra cultura. Engaden, ademais, o apoio que o Concello de Pontevedra lles brindou sempre, dende os seus comezos ata a actualidade.
Trátase, en palabras dos seus responsables, dunha iniciativa comunitaria, pois sen o apoio da comunidade educativa, resultaría imposible.
“O máis importante é ter claro que tipo de escola queres, cales son os obxectivos que persegue e, despois, ter a sorte de ter unha comunidade educativa que apoie, cuxa sorte tivemos.”, coméntalle Mª Teresa ao actual director, Manuel Carpintero.
En canto á tipoloxía de escola que desexan, Mº Teresa non dubida en responder con consagrado orgullo, “Eu sempre fun unha defensora da escola pública, de portas abertas, participativa, motivadora. Precisamente esas palabras son as que me gusta empregar, escola viva e motivadora, que responde ás motivacións de cada época, axustándose aos estudantes de cada momento”.
Engade que “os mestres sós non fan nada. Eu son acérrima da participación dos pais, que se manteñan implicados como aquí o están, e da participación de todos. Todo suma. Nada é excluínte. Defendo unha escola que traballe valores saudables.”
Con este lema, vinte anos de intercambios fóronse sucedendo, sumando un total de aproximadamente 300 alumnos galegos con vivencias en fogares cataneses. En cada un destes intercambios, naceron cantidade de anécdotas, risas e sorpresas inesperadas.
Vinte anos de intercambios fóronse sucedendo, sumando un total de aproximadamente 300 alumnos galegos con vivencias en fogares cataneses.
O alumnado catanés adoita vir no mes de marzo, debido ao final de curso anticipado do seu sistema educativo. Tras a súa chegada, que conta por detrás cunha relación consistente entre pais preocupados pola primeira saída en solitario dos seus fillos, non teñen problemas para adaptarse ao haber cativos na casa. Asisten con normalidade ás clases do colexio e participan nas actividades que se realizan. Durante a súa estadía, a escola organiza diferentes saídas culturais ás principais cidades galegas, polo que, en palabras de José Bernardo, “o tempo que pasan na casa é pouco. Si que é verdade que os últimos días, coincidindo coa fin de semana, temos os días en familia pero claro, normalmente tamén preferimos levalos a visitar lugares en vez de quedar na casa”.
Contan tamén como anécdota a preocupación que sentían nun comezo os pais italianos ao saber que os seus fillos xogaban na rúa cos outros nenos, preocupación que minguou en canto comprenderon o funcionamento da cidade, núa de circulación de coches, algo imposible en Catania, unha cidade con máis de 300.000 habitantes.
Aseguran os pais que algo que todos compartiron ao marchar, foron as bágoas da despedida. Fixeran amigos, xogaran na rúa, visitaran lugares e recibiran unha acollida amorosa e amable.
En canto á visita dos nenos pontevedreses a terras italianas, sempre recordan a imaxe dos edificios barrocos da posguerra, os palazzos de teitos inalcanzables. Visitaron con asiduidade a cidade de Roma, aínda que agora se suprimise para brindarlle maiores facilidades a pais e profesores acompañantes. Recordan pratos, costumes e formas de vida que nunca experimentaran. Cóntano sen aprehensión, coa independencia que lles brinda vivir esta experiencia tan cativos.
Segundo José Bernardo, “eu creo que os pais hoxe en día tendemos a protexer demasiado aos nosos rapaces. Cremos que como son tan pequenos nos van necesitar ou non van poder estar sen nós. Sorprendeunos a independencia que teñen xa tan cativos e a facilidade para actuar pola súa conta. Case non nos botaron de menos”.
Conta Ángeles a anécdota da súa filla, posuidora primeiriza dun móbil, cuxo único contacto con súa nai foi “Creo que me estou quedando sen saldo”.
Os nenos reciben durante o curso no que realizarán a viaxe media hora semanal de italiano para crear uns coñecementos básicos, mentres que os pais e nais se preparan para a acollida pola súa conta, mediante diccionarios ou internet. O acceso ás novas tecnoloxías facilita a comunicación entre proxenitores, chegando a crear amizades, á vez que están expostos a outros idiomas.
José asegura que “foi moi positivo. Créase unha relación con outra familia, máis alá dos fillos. Aprendes doutra sociedade, un pouco doutros idiomas e mantés contacto con xente doutras culturas.” Incluso bromea coa posibilidade dun intercambio lingüístico para pais e nais.
Vinte anos de intercambio entre a Scuola Cavour e o CEIP Plurilingüe Froebel, nos que se fomentaron amizades entre familias e alumnos, con encontros posteriores, como o caso do Erasmus en Italia.
Mº Teresa sentencia que “Choran cando marchan, pero as esceas de cando volven son moito máis dramáticas. Pasamos momentos difíciles, é certo, pero é parte da vida mesma, e na vida hai momentos felices e hai momentos difíciles (...) Eu sempre digo que os nenos son como o barro, que os colles e empezas a moldear e sae unha cousa así marabillosa. É isto.”
"Eu sempre digo que os nenos son como o barro, que os colles e empezas a moldear e sae unha cousa así marabillosa. É isto.”
O intercambio propiciou a creación dunha comunidade educativa, formada por pais, docentes e alumnos de dous países, que se mantén a día de hoxe e que aumenta cada ano. Comparten vivencias, anécdotas, risas, bágoas, e, se nalgo están dacordo a maioría dos seus participantes, é en que repetirían a vivencia.
Mentres os antigos alumnos comparten as súas experiencias, os deste ano xa se preparan para unha viaxe que representa unha porta aberta a outra cultura, da que volverán con moito máis do que marcharon: máis pratos, máis lugares, máis idiomas, máis aventuras, máis independencia e máis amigos.