Cando a igualdade impregna os propios muros do colexio

Pontevedra
16 de outubro 2020

Kike Mauricio e Carlos Taboada, de Polo Correo do Vento, presentaron este venres o mural 'Construíndo un futuro en igualdade' que elaboraron nunha das fachadas do CEIP A Xunqueira 1 en colaboración coa ANPA e a Dirección do centro educativo. Na presentación estiveron acompañados do alumnado de Infantil

Presentación do mural 'Construíndo un futuro en igualdade' no CEIP A Xunqueira 1
Presentación do mural 'Construíndo un futuro en igualdade' no CEIP A Xunqueira 1

Nada máis entrar ao colexio, no recreo, á saída, cada vez que teñan que moverse polas instalacións. En todos estes momentos, o alumnado do CEIP A Xunqueira 1 de Pontevedra están a empaparse na igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, nunha realidade na que xa non existen profesións femininas ou masculinas, nun futuro no horizonte no que cada un poida ser aquilo que desexe ou busque, independentemente de se é neno ou nena.

Para facelo, os escolares non teñen máis nada que levantar a vista e atópanse de bruzos cun mural que axuda a construír ese futuro igualitario. Baixo o lema ' Construíndo un futuro en igualdade', mostra a cinco mulleres, unha bombeira, unha científica, unha deportista, unha astronauta e unha profesional sanitaria, cinco profesións que ata non fai moito parecían reservadas aos homes e nas que hai grandes profesionais pouco recoñecidas e un futuro esperando ás novas xeracións. 

O mural non só retrata a mulleres en profesións tan dispares como astronauta ou científica, senón que tamén as vincula coa propia contorna do alumnado. Así, pódese ver, ao fondo, o monte da Fracha ou os xuncos da Xunqueira, para que recree escenas que resulten recoñecibles para o escolar e lle axuden a normalizar a igualdade de oportunidades.

Kike Mauricio e Carlos Taboada, de Polo Correo do Vento, son os autores materiais deste mural, que este venres se deu a coñecer publicamente, pero o proxecto vai máis aló das mans que o deseñaron e pintaron, é transversal e implicou a toda a comunidade educativa. 

A iniciativa partiu da ANPA Celso Emilio Ferreiro do colexio e logrou unha subvención da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. O obxectivo da axuda é potenciar a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero e, á vista do resultado, camiño con paso firme para conseguilo. 

A pesar de que a idea inicial partiu da asociación de nais e pais, nela implicouse toda a comunidade educativa, desde o profesorado á dirección e o alumnado. Entre todos, fixaron o deseño final do mural, que se realizou sobre un bosquexo presentado por Polo Correo do Vento, pero se adaptou ás achegas realizadas desde o colexio. De feito, parte dos escolares participaron en obradoiros nos que realizaron bosquexos con contidos de igualdade que serviron de base para o conxunto final.

O mural realizouse nunha das fachadas do centro e é visible desde o exterior do mesmo e desde distintos puntos do patio. Nesta zona na que adoitan gozar do seu recreo xuntáronse este venres, con todas as medidas de seguridade, máscara e distancia social, o alumnado de 3, 4 e 5 anos do centro, o seu profesorado e o equipo directivo para contemplar o resultado final xa sen as estadas que nos últimos días facilitaron o traballo de Carlos Taboada e Kike Mauricio, pero impedían ver desde o exterior a totalidade da obra. 

A pesar de que o alumnado do centro non podía ver todo o resultado, si era coñecedor do seu contido e, durante o proceso de elaboración, participou activamente no proxecto. Así, segundo explican Taboada e Mauricio, foi un traballo en equipo no que eles explicaron aos escolares o proceso creativo dunha obra e recibiron un feedback importante por parte do alumnado, que se implicou no desenvolvemento, interesouse pola súa elaboración e, sobre todo, polo seu contido, de modo que se xeraron debates sobre o sentido do mural, sobre "a parvada de que existan profesións de homes ou de mulleres" e, en xeral, sobre igualdade, profundando, por tanto, na conciencia dos máis pequenos.

"Estaban entusiasmado con todo o que íamos decindo e achegando cousas", resumen os autores. A directora, Susana Diéguez, confírmao e destaca que todo o alumnado foi partícipe da actividade "para que eles se sentiran máis implicados". Agora que xa viron o resultado final, ademais, senten orgullosos porque se pode ver desde o exterior e é xa unha referencia para localizar o seu centro. 

O mural está xa terminado e visible desde o exterior, pero o traballo para construír a igualdade non terminou na Xunqueira 1, senón que nas próximas semanas aínda teñen pendentes unha charla coas familias, un taller de sexología co alumnado de sexto de Primaria e contacontos para todo o alumnado.